FESTAS

Aberto ata o 4 de maio o prazo para solicitar a colaboración municipal nas festas patronais de barrios e parroquias

25/04/2012 As asociacións veciñais teñen ata o venres 4 de maio para presentar cuberta a súa solicitude de colaboración municipal nas festas patronais e populares dos respectivos barrios e parroquias. A posibilidade de elixir entre varias atraccións propostas fóralle manifestada ás entidades veciñais polo propio concelleiro de Participación Cidadá e Festas, Francisco Noya.

Este ano, as asociacións poden elixir entre varias opcións: xogos populares, grupo de música tradicional, coral, parque de xogos (para elixir dous, entre inchable, touro mecánico, futbolín humano ou karts a pedais), pasarrúas-charanga ou festa da espuma.

O prazo para presentar cuberta a solicitude remata o venres 4 de maio. Deberá presentarse por rexistro de entrada e, para axilizar, achegarase copia tamén no Teatro Principal.

Esta convocatoria está destinada ás asociacións de veciños e, excepcionalmente, ás comisións de festas no caso de que non houbera asociación. Esta convocatoria de solicitude de colaboración municipal realizarase unha vez ao ano.

Compartir: