ALCALDÍA

Xerardo Conde Roa anuncia a súa dimisión como alcalde de Santiago de Compostela

16/04/2012 Xerardo Conde Roa anunciou en rolda de prensa a súa dimisión como alcalde de Santiago de Compostela. Considera que "á vista da miña situación procesual, é o mellor para a miña familia, para o meu partido, para a cidade e para a institución". A dimisión formalizarase nun Pleno que será convocado de inmediato. Posteriormente, será elixido o novo alcalde, que segundo indicou, será Ángel Currás, tras así decidilo os concelleiros do Goberno local.

O alcalde indicou que toma a decisión de dimitir tras coñecer un auto de imputación que, reiterou, "non está derivado do exercicio do cargo", polo que "a miña vida pública está limpa". "Fronte a outros que marchan coa maleta chea, é evidente que non se trata do meu caso e que marcho sen ningún beneficio persoal", apuntou. "Esta cidade vale o que non está escrito e non merece un alcalde que poida estar na situación na que eu estou", engadiu, afirmando de novo o seu "orgullo por ter sido alcalde de Santiago de Compostela".

Conde Roa di que marcha "tranquilo e disposto a asumir as miñas responsabilidades" e que precisa "certa tranquilidade para defenderse" e para "concentrarse na imputación que se concretou hoxe" e que, dende o punto de vista procesual, "só supón que se proseguen as dilixencias de investigación". "Loitarei por acreditar a miña inocencia", subliñou. É consciente de que "un cargo público require un escrutinio especial" e, malia que lle "teñen doído algunhas cousas", vaise "sen rancores" e seguro de "non ter dado as costas nunca" e de "ter dado sempre suficientes explicacións".

Sobre a decisión de dimitira, afirmou tela tomado "sen unha soa presión". Neste sentido, explicou que foi na xornada do domingo cando lle comunicou a medida ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen "en ningún momento me pediu a dimisión", postura que "entendeu e respaldou".

Renuncia e elección de novo alcalde
A dimisión como alcalde formalizarase nun Pleno extraordinario que se convocará de inmediato. Conde Roa di que quere estar presente na elección do novo alcalde, tras a cal presentará tamén a súa renuncia como concelleiro, o que suporá a entrada como edil da número 14 da lista do Partido Popular nas últimas eleccións municipais, Rebeca Domínguez.

O rexedor municipal dixo que se vai desvincular "absolutamente" do Concello de Santiago. "Prefiro non interferir", dixo, polo que a elección do alcalde é unha decisión que "os concelleiros tomaron libre e voluntariamente" na reunión celebrada este domingo e na que "nin eu nin o presidente da Xunta estivemos presentes". O elixido foi o actual primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Cultura e Educación, Ángel Currás.

Xerardo Conde Roa agradeceu ao equipo de Goberno a súa "lealdade, respaldo e cariño". Para el, "Santiago queda en mans dun excelente equipo, coa suficiente capacidade e ideas en marcha para que Santiago cambie a súa estrutura e con proxectos moi importantes en marcha". Os concelleiros despedírono cun prolongado aplauso tras a rolda de prensa. Nesta tamén tivo palabras de agradecemento para o resto de compañeiros do seu grupo municipal e para os funcionarios, cunha especial mención aos uxieres e aos seus escoltas. De todos eles destacou "a súa entrega, cariño e profesionalidade".

Compartir: