CULTURA

Inaugúrase a exposición de Xurxo Lobato en 'Niteroi: encontro con España'

10/04/2006 Dentro da súa participación no evento Niteroi: encontro con España, que se está a celebrar no Brasil, Compostela inaugurou a exposición de Xurxo Lobato Galiza: Camiño Celeste. Á inauguración, que foi no Museo do Ingá, asistiron, ademáis do concelleiro de cultura de Compostela, Néstor Rego e do propio Xurxo Lobato, o secretario (concelleiro) de Cultura da cidade, Marcos Gomes, a vice-secretaria, Danielle Nigromonte, a presidenta da Fundación de Arte de Niteroi, Marilda Ormy e o director do Museo, Angelo Manzzedo.

O acto celebrouse nos xardíns do museo, baixo unha bandeira galega, con música de Luar na Lubre e coa presenza de moitos dos galegos que viven en Niteroi, que miraron cada unha das fotografías emocionados.

Marcos Gomes agradeceu unha vez máis a colaboración de Compostela neste evento, lembrando que Santiago foi unha das primeiras cidades en confirmar a súa asistencia. Isto, segundo o concelleiro é aínda máis relevante, "se temos en conta que o 90% dos emigrantes da España que chegaron a Brasil, eran galegos" e que o obxectivo deste encontro é "amosar que España é rica na súa diversidade". Gomes rematou dicindo que Galiza ten un "significado propio político, cultural e xeográfico" e invitando a todos os asistentes a "comprobalo vendo as fotografías da exposición".

Néstor Rego, o seu homónimo compostelán, confirmou as súas palabras asegurando que todos os que se achegaran a ver a exposición poderían ver "un país vivo, dinámico que está orgulloso das súas tradicións e que traballa para avanzar cara o futuro" Rego amosouse convencido de que serán moitos os que vendo esta exposición se animen a visitar Galiza e a súa capital, Santiago e rematou enviando un saúdo especial "aos amigos galegos que viven tan lonxe da súa terra e que hoxe nos acompañan aquí".

Pola súa banda, Xurxo Lobato asegurou que era "unha enorme honra poder amosar a imaxe do meu país no Brasil e que esa imaxe a traia o responsábel de cultura da capital do meu país". Lobato, que lembrou que xa viron esta exposición máis de 75.000 mil persoas, espera que as 79 imaxes "sexan fiestras abertas para que os cidadáns de Niteroi poidan, a traveso delas, ollar ao meu país."

Son 79 fotografías feitas desde un helicóptero durante os anos 2002 e 2003 e que amosan a xeografía galega así como as diferentes actividades culturais e empresariais que existen no noso país. A mostra estará en Niteroi (Estado de Río de Janeiro) até o vindeiro día 11 de xuño. Ademáis de esta exposición, Compostela tamén participa no evento ofrecendo tres concertos da cantante Uxía Senlle. Serán os vindeiros días 13, 14 e 16 na Universidade Federal Fluminense e no Teatro Municipal de Niteroi.

Compartir: