COMERCIO

Fallados os premios do comercio compostelán nas súas seis categorías

12/04/2012 O edificio municipal Cersia acolleu a reunión do xurado dos Premios do Comercio Compostelán. O xurado estaba composto por representantes do Concello, as Asociacións Comerciais, a Cámara de Comercio, a Asociación de Consumidores e o Mercado de Abastos, que foron os encargados de seleccionar os gañadores nas categorías de: Comercio 2.0, Comercio Innovación, Comercio Emprega e Comercio Veterano. Os gañadores de Comercio de Barrio e Comercio Agarimo elixíronse por votación popular a través de Internet.

Os premios deste ano introducen importantes cambios con respecto das edicións anteriores. En anos pasados recoñecíanse algúns comercios simplemente pola súa lonxevidade. Neste ano, e dado que a vida dun comercio ten diferentes dimensións, establécense seis categorías que pretenden recoñecer o traballo dos comerciantes en diferentes ámbitos. As categorías e premiados son:

- Comercio de Barrio: tivéronse en conta aqueles comercios que destacan pola súa proximidade nos barrios e por prestar ese valor engadido de proximidade e trato personalizado nas compras do día a día. O comercio gañador, por votación popular, foi: Tórculo Artes Gráficas.

- Comercio Agarimo: premiouse o comercio que sobresae pola súa esmerada atención ao cliente e servizo post-venta. O comercio gañador, por votación popular, foi: Como pez en el agua.

- Comercio 2.0: valorouse a incorporación das novas tecnoloxías tanto no seu funcionamento diario coma na relación cos clientes (uso do comercio electrónico, redes sociais, sinatura electrónica, factura electrónica ou calquera outra medida de innovación empregada no ámbito comercial). O comercio gañador foi: Lasal Gourmet.

- Comercio Innovación: recoñecéronse as innovacións aplicadas polos comercios nos seus respectivos sectores, tanto a nivel da calidade visual dos estabelecementos coma polos produtos ofertados. O comercio gañador foi: Pastelería Doce.

- Comercio Emprega: valorouse a capacidade de xeración de empregos directos así como a procura da conciliación familiar e laboral dentro do pequeno comercio. O comercio gañador foi: Peluquería Bernardo Nogueira.

- Comercio Veterano: recoñeceuse o labor deses pequenos comercios familiares que desenrolan a súa labor dende fai anos demostrando a súa capacidade de permanencia e adaptación os novos tempos. O comercio gañador foi: Mercería Hermosinda Corzón.

Os gañadores recibirán unha figura conmemorativa. Para a creación desta figura convocouse un concurso dirixido aos artesáns composteláns adheridos á marca Artesanía de Galicia. O xurado, formado por representantes do Concello, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e das asociacións comerciais, escolleu a figura deseñada por Ana Serra García, de Media Lúa.

Compartir: