EDUCACIÓN

"Parvada", dos mexicanos David Daniel Álvarez e Julia Díaz, gaña o V Premio Internacional de Álbums Ilustrados

13/04/2012 O xurado do V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados elixiu o traballo titulado Parvada, de David Daniel Álvarez Hernández e Julia Díaz Garrido (México) coma o gañador desta edición. Nesta quinta convocatoria do galardón, organizado pola Concellería de Educación e Kalandraka Editora no marco da XII Campaña de Animación á Lectura, participaron 256 traballos de 19 países.

O concelleiro de Educación, Ángel Currás, e o director xerente de Kalandraka, Xosé Ballesteros, deron a coñecer o fallo deste V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, acompañados por membros do xurado. Eles foron os encargados de elixir entre os 256 traballos presentados. As propostas presentadas nesta ocasión proceden de diversos países, algúns europeos como Alemaña, Italia, Suíza, Dinamarca, Portugal, Francia, Holanda, Gran Bretaña ou España. E tamén de varios países americanos como Arxentina, Chile, Brasil, Ecuador, México, Colombia, Uruguai, Perú e EE.UU.

Antes de anunciar o nome do traballo gañador, o concelleiro de Educación, Ángel Currás, indicou a importancia que os álbums ilustrados teñen como recurso educativo, e valorou o labor de Kalandraka nesta materia. Tamén destacou a calidade do certame, avalada polo alto número de participantes de diferentes países das sucesivas edicións.

A propósito desta participación internacional, Xosé Ballesteros lembrou que, das cinco edicións celebradas, catro foron gañadas por ilustradores americanos. De feito, a deste ano é a segunda convocatoria na que gaña un álbum de México.

O xurado acordou conceder por unanimidade o V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados á obra de David Daniel Álvarez Hernández e Julia Díaz Garrido, de México, presentada baixo o lema Parvada. O galardón, cunha dotación de 9.000 euros, comportará a publicación do libro en castelán, galego, catalán, éuscaro e portugués.


O xurado valorou especialmente "o virtuosismo da súa execución e a extraordinaria calidade das ilustracións, elaboradas cunha técnica moi depurada, e a forza expresiva do branco e negro, cores sobre os que está elaborada a obra". Os autores de Parvada propoñen "unha reflexión sobre unha sociedade que se desenvolve na procura do coñecemento e do progreso, no camiño dunha vida mellor, mais que se constrúe sobre unha gran contradición". O álbum gañador será a primeira publicación dos seus autores.

David Álvarez (México D.F.,1984) é licenciado na Escuela de Diseño del Instituto Nacional de Bellas Artes de México (EDINBA). Os seus estudios de Artes Plásticas levárono ao campo da ilustración, no cal xa recibiu varios recoñecementos a nivel internacional: primeiro premio en ilustración na categoría de Estudante no Encontro Latinoamericano de Deseño 2011, organizado pola Universidade de Palermo; segundo lugar no Catálogo de Ilustradores para Publicacións Infantís e Xuvenís da Cidade de México 2011. Tamén foi seleccionado para a Bienal de ILUSTRARTE 2012 en Lisboa.

Julia Díaz (México D.F.,1986), é licenciada en Deseño, na Escuela de Diseño del Instituto Nacional de Bellas Artes de México (EDINBA). Ten participado en diversos obradoiros de creación e edición de libros ilustrados, algúns impartidos por recoñecidos artistas como Gabriel Pacheco, Javier Zabala ou Suzanne Zeller.

Recoñecemento a outros traballos
O xurado elixiu como finalista a obra presentada baixo o lema Seré..., cuxa autora é Daniela Iride Murgia, de Venecia (Italia). Ademais, apreciaron a valía dun grupo de traballos que, á marxe do álbum gañador, tamén merecían unha consideración especial e que foron presentadas baixo os lemas En algún lugar, El Sanatorio, Nicomedes el Pelón e Aldino, el rábano y la oveja 106.

O xurado estivo formado polo concelleiro de Educación do Concello, Ángel Currás; a editora e investigadora Felicidad Orquín; o ilustrador Xan López Domínguez; a editora Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka; o xefe do Departamento de Educación, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, e a técnica do Departamento Beatriz Varela, como secretaria técnica.

A convocatoria deste certame encádrase na Campaña de Animación á Lectura que o Concello de Santiago e Kalandraka organizan anualmente no mes de abril, e que en 2012 alcanzará súa duodécima edición. As actividades programadas -sesións de contos e música, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actos nas librarías da cidade, charlas para docentes e familias- chegan a máis de 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

Leo Bassi
A preguntas dos xornalistas sobre o acto protagonizado por Leo Bassi na praza do Obradoiro, o concelleiro de Cultura cualificouno como "un ataque aos símbolos de Galicia, utilizando o antigo himno do Reino de Galicia e o traxe galego para facer unha bufonada".

Sobre o impedimento do acceso á sala de prensa municipal, Ángel Currás reiterou que "respondeu estritamente a unha cuestión de seguridade". Neste sentido, explicou que "estaba prevista unha rolda de prensa, pero non a entrada de máis de 100 persoas, como sucedeu finalmente". Indicou que "a convocatoria da rolda de prensa estaba incluída na axenda institucional, feito que demostra o correcto proceder do Grupo de Goberno, en contraste coa anterior lexislatura, onde se nos negou reiteradamente incluír actos do PP nesa axenda".

Compartir: