NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Nove equipos participaron no Auditorio na fase comarcal do Club de Debate

14/04/2012 Celebrouse no Auditorio de Galicia a fase comarcal do Club de Debate. Participaron dous equipos de Santiago, integrados por alumnos de 1º de Bacharelato do Colexio Compañía de María. Competiron con outros sete equipos (tres de Ames, tres de Teo e un de Rois) debatendo sobre o tema "¿Deben os poderes públicos promover a diversidade lingüística?". Finalmente, o gañador foi o CPI dos Dices (Rois) e o segundo premio recaeu no equipo teense do IES de Cacheiras.

Cada equipo debateu dúas veces, unha coa posición a favor e outra en contra. O xurado emitiu unha puntuación e, e ao final do día, os dous que máis puntos sumaron foron os premiados: 500 euros para o primeiro e 300 euros para o segundo. Os premios non son en metálico, senón en material cultural ou deportivo (libros, discos, informática...) segundo a súa elección. O xurado estivo formado por catro persoas: unha xornalista, un escritor, unha profesora e unha técnica de normalización lingüística. O concelleiro de Educación e Normalización Lingüística, Ángel Currás, asistíu á entrega de premios.

O primeiro clasificado competirá o día 28 de abril na final, que se celebra en Pontevedra, co tema: "Os usos das novas tecnoloxías favorecen as relacións sociais". O premio final é unha viaxe valorada en 5.000 euros para un grupo máximo de 25 membros (poden convidar os seus compañeiros), que tamén incluirá contidos culturais e ambientais.

O Club de Debate é unha iniciativa promovida polos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Santiago, Ames, Betanzos, Carballo, Carral, A Coruña, Ferrol, As Pontes, Pontevedra, Oleiros, Rois, Teo e Vigo. O seus obxectivos son: favorecer o emprego da lingua galega na mocidade; traballar no afondamento e no coñecemento dunha das habilidades sociais máis importante: a fluidez comunicativa, ligada á oratoria; incitar o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade; e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.

Compartir: