CULTURA

Ars Artis estrea "Será o meu propio paraíso" con dez funcións na Zona "C"

11/04/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a nova estrea teatral da Zona "C", Será o meu propio paraíso, da compañía Ars Arstis. Carou estivo acompañado polos dous protagonistas da obra, Lucas Herrador e Olga Abad.

Esta é a terceira estrea teatral desta tempada na Zona "C", que xa acolleu 700 persoas coas dúas primeiras: Mujer muerta caminando e Hamlet. A work in progress sobre o orixinal de William Shakespeare. Será o meu propio paraíso ofrece 10 funcións que comezan esta fin de semana, sábado 14 e domingo 15 e despois serán do xoves 19 ao domingo 22 e do xoves 26 ao domingo 29 en horario de 20:30 horas, agás os domingos, que será ás 19:30 horas. As entradas, a 8 euros, poden mercarse no Teatro Principal e na propia Zona "C".

Será o meu propio paraíso trata dos soños, pensamentos, esperanzas e temores dos seres humanos. Como afrontar o reto que representa a parella, compartir con alguén o percorrido da vida. Preguntas que non teñen máis resposta cá propia. O que cada quen queira responder. Escrita por Lucas Herrador, pretende facer reflexionar sobre a necesidade de escoitar e o desexo de ser escoitado. Un home e unha muller falan das súas inquietudes. Falan do amor, dos fillos, da súa vida en parella e, ao falar, escóitanse un ao outro. Falar é importante. Distinguímonos dos animais pola nosa capacidade de articular palabras. Pero moitas veces esquecemos a importancia de escoitar. Cando o facemos, a sensualidade e atracción que provoca en nós a persoa amada aumenta dunha maneira que só o tempo pode dicirnos ata onde chegaremos con esa persoa.

Dous actores saen ao escenario, Lucas Herrador e Olga Abad, ambos veciños de Santiago de Compostela, con bagaxe suficiente na interpretación, estudo e ensino das artes escénicas como para asumir a dirección da obra. "A nosa maneira de traballar foi volcarnos no texto, montando a obra por escenas, corrixíndonos un ao outro para chegar á complicidade necesaria que a obra pide", conta Lucas Herrador. A música orixinal é de Ana Albajara, compositora que ten rexistradas máis de cen cancións na SGAE, cuxo traballo conta co recoñecemento dos profesionais da música.

Ars Artis é unha empresa galega dedicada ao estudo, ensino e produción de espectáculos teatrais. Dende o ano 2008 traballa no tratamento da arte dramática para persoas con discapacidade física e mental. O hospital de Conxo, Down Compostela ou a asociación Amicos en Ribeira, son algúns dos lugares onde desenvolve o seu labor.

Música na Zona "C"
Ademais de teatro, nos vindeiros días haberá varios concertos na Zona "C". O ciclo Íntimo&Acústico ofrece tres propostas musicais neste mes de abril para este espazo singular. O venres 13, chegan dende León The Bright co seu pop-folk americano ás 21:00 horas; e o mércores 18, ás 22:30 horas, poderemos escoitar a canción de autor do vigués Abraham Boba. O último concerto que nos ofrece este ciclo na Zona "C" neste mes de abril é a presentación do disco de Mónica de Nut Trío, composteláns que fan jazz contemporáneo, o luns 23 e o martes 24 ás 21:00 horas.

E xa a comezos de maio, dentro do ciclo Compostela Rock e enmarcados no festival Curtocircuíto, poderemos escoitar o post-punk dos madrileños La Débil e o mambo-noise dos pontevedreses Unicornibot o sábado 5 de maio ás 22:00 horas.; e o mércores 9 de maio, á mesma hora, temos unha cita cos asturianos Fasenuova, que nos ofrecen música electrónica de calidade.

Compartir: