CENTROS SOCIOCULTURAIS

A campaña "Ler, contar e gozar coas letras" promove a lectura a través de máis de 100 actividades nos centros socioculturais

10/04/2012 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou a campaña Ler, contar e gozar coas letras, que se desenvolverá de abril a xuño nos centros socioculturais da cidade. Obradoiros, contacontos, recitais poéticos e outras actividades lúdicas e divulgativas compoñen esta proposta dinamizadora de animación á lectura.

Francisco Noya explicou que as 105 accións que integran a campaña Ler, contar e gozar coas letras, poñen o acento na lectura, na divulgación e na animación en torno á literatura e a súa expresión e manifestación creativa. O edil animou os composteláns a participar nestas actividades, que queren servir tamén para chamar a atención sobre o traballo habitual que se desenvolve para diversos públicos na rede de centros socioculturais.

A elección destes meses de abril, maio e xuño non é casual, xa que nestas datas se producen feitos significativos para a literatura, como a celebración, o 2 de abril, data do nacemento de Hans Christian Andersen, do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Pouco despois, o 23 de abril, día no que, en 1616 falecían Cervantes e Shakespeare, conmemórase o Día Mundial do Libro. E por suposto, xa o 17 de maio, é o Día das Letras Galegas, recordando a data de 1863 na que se publicou en Vigo o primeiro exemplar da obra Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. A edición deste ano dedícase a Valentín Paz Andrade.

Obradoiros
Entre as actividades previstas destacan os obradoiros, como o que permitirá imprimir un pequeno de 12 follas grazas ás técnicas e ferramentas de mediados do século XX. Rapaces e rapazas de 9 a 16 de anos poderán participar neste taller, no que monitor lles dará aos libros un depósito legal, numerando os exemplares, personalizándoos e entregándoos á biblioteca e aos participantes. O libro tratará sobre a vida de Valentín Paz Andrade.

Vestimos as letras, Pintamos as letras, Xogamos con Rosalía, Elaboramos as nosas libretas ou Facemos marcapáxinas son os títulos dalgúns outros obradoiros de ilustración, creación plástica e escrita creativa previstos para diversas idades.

Contacontos
Tamén haberá contacontos a cargo de expertos contadores e outros coas achegas dos animadores e dos propios usuarios dos centros, en sesións compartidas como Estamos de contada ou A hora do conto. Outros obradoiros previstos: O rato ilustrador, con Trinke-Trinke; Bicoca de boca en boca, con Celso Sanmartín; ou Os contos do bardo Abelardo, co bardo Abelardo. Francisco Noya salientou a posibilidade que algunhas destas sesións ofrecerán aos propios usuarios para converterse en contacontos.

Recitais, actividades lúdicas e divulgación
A campaña ten como outra das actividades destacadas un recital poético infantil con Paula Carballeira e a lectura do manifesto que este ano conmemora o Día do Libro infantil, escrito por Manuel Hinojosa, o martes 10 de abril, ás 19:00 horas, no CSC das Fontiñas.

No apartado lúdico figura a xincana de contos, o roteiro fotográfico ou os xogos no Paseo das Letras do Parque da Alameda. Ademais, realizarase unha actividade de divulgación da práctica da liberación de libros (bookcrossing). En adhesión á proposta da Asociación Galega de Libros Galix, do 10 ao 13 de abril, dende as 17:00 ata as 18:30 horas, no CSC das Fontiñas, desenvolveranse sesións informativas sobre cómo é o proceso para liberar un libro, e amosarase o punto de intercambio de libros da Bilblioteca.

Outra actividade destacada é a denominada Retallos, isto é, un convite de lecturas suxeridas por usuarios e persoas que se achegan aos centros e locais socioculturais, co animo de facer participes a todos da dinamización dos libros e da lectura e de facer relevantes as suxestións das persoas próximas. Desenvolverase durante estes meses nos distintos centros socioculturais.

A campaña inclúe tamén diversas achegas de obradoiros e contacontos a cargo da Concellaría de Normalización Lingüística e aquelas vinculadas á colaboración anual no programa da Xunta de Galicia Letras Vivas.

Estas 105 accións repartiranse entre os seguintes centros e locais socioculturais: Vite, Fontiñas, Conxo, A Trisca, Castiñeiriño, Marrozos, A Peregrina, Busto, A Gracia, Nemenzo, Lamascal, Eixo, Laraño, Marantes, Figueiras e Villestro. Os destinatarios son tanto nenos e mozos, como o público adulto. Todas as actividades son de balde.

Tras destacar a inclusión na campaña de varios centros do rural, o concelleiro aproveito a rolda de prensa para agradecer unha vez máis o traballo que realizan as distintas asociacións veciñais, colaborando e programando actividades que complementan as municipais. No caso desta campaña municipal de lectura, o custo para o Concello non chega aos 3.000 euros, apuntou Francisco Noya.

Compartir: