CULTURA

Ars Combinatoria e Germán Díaz protagonizan a segunda xornada do programa musical Semana Santa 2012

04/04/2012 Logo do concerto do coro Vox Stellae na xornada inaugural chega a cita con Ars Combinatoria e Germán Díaz que estarán ás 20:00 e 22:00 horas na xornada do Xoves Santo. Seguimos así co programa musical Semana Santa 2012 que engloba nove concertos que se celebrarán na igrexa da Universidade, agás un que será no Auditorio de Galicia. Celébrase do 4 ao 8 de abril, e presenta unha ampla variedade musical, indo desde a época medieval ata o Barroco con algunha incursión no Romanticismo e no século XX . Todos os músicos teñen vinculación con Galicia.

Este programa foi elaborado dende a Concellería de Cultura para completar a programación cultural da Semana Santa, logo de confirmarse que este ano non se podería celebrar o Festival de Músicas Contemplativas. Así, traballouse nun programa variado no que todos os artistas teñen algunha relación con Galicia, ben porque son galegos, ben porque desenvolven a súa actividade no noso país.

Na xornada do xoves teremos dous concertos. O primeiro, ás 20:00 horas, será con Ars Combinatoria, que presenta Quando fuere menester glosar, música renacentista e poesía do Século de Ouro español e, ás 22:00 horas, poderemos escoitar a Germán Díaz, zanfonista que nos presenta un novo método, o cardiofónico, baseado nos latexos do corazón.

Ars Combinatoria (Xosé Luis Saqués, recitador e percusión; Elsa Ferrer, violín; Carlos García Amigo, violoncello; e Canco López, órgano) pretende enredar coa súa música a outras expresións artísticas. Nesta ocasión a poesía é a que comparte protagonismo coa música por medio dunha práctica común que é a glosa. Esta composición poética, cuxa máxima popularidade se sitúa na literatura do Século de Ouro, estriba na idea de interpretar versos ou poemas soados. Estes versos adoitan inserirse no novo texto glosado (xeralmente ao final de cada estrofa), de tal xeito que quedan incorporados organicamente a este polo sentido e pola rima, como sucede na glosa.

Germán Díaz naceu en 1978 en Valladolid, onde realiza estudos de guitarra clásica e Filoloxía Clásica. Único zanfonista español que pertenceu á mítica Viellistic Orchestra, orquestra de zanfonas asentada en Francia cos mellores instrumentistas do mundo, preséntanos o seu método cardiofónico, un estilo musical baseado no ritmo dos latexos do corazón.

Entradas na billeteira do Principal
A entrada para todos os concertos, agás o do Auditorio, é de balde previa retirada de convites, cun máximo de dous por persoa, na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. O concerto do Auditorio de Galicia terá un custo de 3 euros, agás para os abonados, que é de balde.

Compartir: