EDUCACIÓN

Máis de 90 escolares participan no programa de conciliación familiar da Semana Santa

03/04/2012 O concelleiro de Educación, Ángel Currás, visitou os colexios Monte dos Postes e Raíña Fabiola, onde se están a desenvolver as actividades do Programa Municipal de Conciliación Familiar para a Semana Santa 2012. Máis de 90 escolares de educación infantil e primaria participan nas actividades, que se celebrarán tamén os días 4 e 9 de abril.

Este programa de conciliación, en palabras do concelleiro, pretende "pretenden xerar hábitos de traballo en equipo, de respecto, de tolerancia entre os rapaces", cunha especial atención nesta ocasión, "á conservación do medio ambiente e dos valores do entorno natural de Santiago de Compostela". Recordou que nesta Semana Santa tamén hai actividades de conciliación no CEIP Roxos-Villestro, onde funciona a Cibercaixa.

Ángel Currás agradeceu a colaboración dos colexios e dos seus directores nestes programas de conciliación municipais. Anunciou a intención de "no posible, facer uso de todos os centros de educación infantil e primaria, pero sempre elixindo aqueles que permitan atender tanto a zona norte como a sur".

Durante estas xornadas, tanto o CEIP Raíña Fabiola como o CEIP Monte dos Postes están abertos de 7:45 a 15:30 horas. Ofrécese un servizo de madrugadores con e sen almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e un servizo de comedor (de 14:00 a 15:30 horas). O resto do tempo, os rapaces participan en diversas actividades e obradoiros.

Estas actividades xiran fundamentalmente en torno ao medio ambiente, co ánimo de concienciar aos rapaces da importancia do medio ambiente e da natureza, sen esquecer a reciclaxe e o coñecemento do entorno que nos rodea. Hai ambientación de campamento, obradoiros de manualidades con materiais de refugallo, xogos, xincanas, teatro, roteiros, elaboración de cadernos de campo e obradoiros de compás e mapa.

Visitas á exposición Compostella Dicitur
Precisamente nesta xornada, unha das actividades do programa foi unha visita didáctica para coñecer a exposición Compostella Dicitur. A cidade da Catedral. Santiago en 1211. Logo de tres meses dende a súa apertura ao público, máis de 10.000 persoas visitaron a mostra.

As visitas didácticas están orientadas a grupos de escolares, asociacións e colectivos interesados da cidade e xiran arredor da exposición mencionada, unha mostra cun marcado carácter multimedia, cunha produción audiovisual tridimensional e interactiva que procura trasladar ao visitante á Compostela do século XIII, cando finalizaban as obras da catedral románica.

Ao longo das vacacións de Semana Santa, as familias teñen a oportunidade de visitar esta exposición. Os interesados poderán apuntarse previamente nos teléfonos 981 554 400 e 981 554 401 (Departamento de Educación. Concello de Santiago de Compostela); ou a través do correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal

Debido as múltiples solicitudes recibidas, ofrécense tamén estas visitas guiadas ao público en xeral. Os interesados deben inscribirse previamente no teléfono 981 576 661 ou, presencialmente, no despacho de billetes do propio edificio. Para a realización da visita, os grupos resultantes deberán contar cun mínimo de 8 persoas e un máximo de 20 ata completar o grupo.

Compartir: