COMERCIO E DEPORTES

O Compostela convida o sector comercial santiagués a vestirse de azul e branco

02/04/2012 Os concelleiros de Comercio, Reyes Leis, e de Deportes, Adrián Varela, acompañados por Ramón Castro e Francisco Penas, do comité organizador do 50º Aniversario da S.D. Compostela, presentaron as bases do Concurso de Escaparatismo e Ambientación convocado para festexar o medio século de vida da entidade deportiva.

O certame, dirixido a todos os establecementos comerciais e hostaleiros da cidade, busca facer partícipe ao sector comercial nos actos conmemorativos do 50º aniversario do club, invitando a que vistan os seus escaparates de azul e branco. En colaboración co Concello de Santiago e ACOTES (Asociación de Comerciantes de Santiago), o club quixo implicar os comerciantes e hostaleiros santiagueses nas celebracións, co obxecto de estender a presenza do club a todos os ámbitos da cidade. "É unha grande iniciativa que esperamos que teña unha boa acollida", sinalou Reis Leis.

O Concurso de Escaparatismo está destinado a que os comercios de Santiago exhiban nos seus escaparates as cores do Compostela. Os interesados en participar poderán inscribirse, de forma gratuíta, na dirección 50aniversario@sdcompostela.com, ata o 20 de abril. Entre o 2 e 19 de maio, os concursantes deberán expoñer a montaxe e arte final do seu escaparate. Os gañadores daranse a coñecer o 21 de maio.

Os premios do certame consistirán nun par de entradas e estanza en Madrid para gozar da final da Copa do Rei, e dous carnés de socio da S.D. Compostela para a tempada 2012/2013.

Francisco Penas, membro do comité organizador do 50º aniversario, quixo agradecer o esforzo das empresas patrocinadoras do concurso: "Non poderiamos presentar este acto sen a axuda de Viaxes Viloria, Prosunp, Xoiaría Alfonso, Asociación Comerciantes Compostela Monumental, Asociación Comerciantes Santiago Centro e a Clínica Rehab".

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, aproveitou a súa intervención para felicitar o traballo que está a realizar a S.D. Compostela para recuperar a súa posición no ámbito social e deportivo. "O Compos é o equipo de referencia da capital galega e está a demostrar que ten poderío. O seu presidente, Antonio Quinteiro, devolveu a ilusión aos afeccionados santiagueses".

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: