EDUCACIÓN E MOCIDADE

Clausúrase o Parque infantil de tráfico

06/04/2006 Este venres, día 7 de abril, tivo lugar a última sesión do Parque Infantil de Tráfico instalado no Mercado Municipal de Amio. Esta actividade intégrase dentro do Programa Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección "¿Onde está o perigo?", unha iniciativa do Departamento de Educación e Mocidade e no que están a colaborar diferentes entidades directamente implicadas nos labores de protección e seguridade dos cidadáns: Policía Local de Santiago, Protección Civil, Policía Nacional, Servizo Municipal de Extinción de Incendios e Salvamento, Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia, Cruz Vermella e a Dirección Xeral de Tráfico (Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña).

No Parque Infantil de Tráfico, situado no Mercado Municipal de Amio durante os meses de marzo e abril, participaron máis de 700 escolares de Santiago de Compostela. Durante toda a mañá os grupos de escolares que ata alí se achegaron contaron cunha sesión teórica e outra práctica cos cars do parque, co obxecto de poñer en práctica as recomendacións e indicacións facilitadas nas sesións didácticas que a Policía Local realizou na sesión teórica.

Ademais, durante a actividade do Parque contouse coa presenza dos servizos básicos de seguridade que de xeito coordinado, contribúen a facilitarlle ao alumnado as pautas orientadas a integración duns habitos de comportamento e dunhas actitudes axeitadas para o desenvolvemento persoal e viario na súa triple condición de peón, viaxeiro e conductor.

Durante toda a mañá do venres 7 de abril, será un grupo de escolares do colexio San Xurxo o que participe no programa de actividades previstas dende ás 10 ata ás 13 h.

Ademais, escolares de educación infantil do Colexio San Xosé de Cluny participarán dunha visita didáctica ás dependencias do Servizo Municipal de Extinción de Incendios nas que se lles dará a coñecer o funcionamento como servizo público municipal e o procedemento para a utilización dos seus servizos.

Compartir: