ORZAMENTOS

Os orzamentos para o 2005 aprobaranse na semana do 4 de abril

23/03/2005 O alcalde compostelán confirmou en rolda de prensa que na semana que vai do 4 ao 9 de abril os orzamentos municipais quedarán aprobados.

Durante a súa comparecencia ante a prensa, Sánchez Bugallo explicou que para que os orzamentos municipais sexan aprobados só resta "seguir o trámite e incluír os orzamentos dos organismos autónomos", que se nutren dos fondos municipais. Emuvissa (Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Santiago de Compostela) e Tussa (Sociedade Anónima Municipal de Transporte) teñen aprobados os seus orzamentos polo que tan só haberá que esperar a que os Consellos de Administración de Incolsa (Información e Comunicación Local, S.A.) e do Auditorio de Galicia, se reúnan, previsibelmente, a vindeira semana.

Segundo declarou o alcalde compostelán, unha vez integrados estes catro orzamentos dos organismos autónomos, procederase á aprobación inicial na Xunta de Goberno Extraordinaria que terá lugar o vindeiro xoves 31 de marzo, antes do Pleno municipal, a celebrar ese mesmo día.

De seguido, irán á Comisión de Facenda, que presumibelmente se reunirá o vindeiro luns 4 de abril. A partir de aí, tres días despois de que a comisión os aprobe, convocarase o Pleno Extraordinario para aprobalos definitivamente.

Compartir: