TURISMO

O 70% dos visitantes de Santiago son turistas e permanecen 2,4 días na cidade

06/04/2006 O Centro de Estudos Turísticos (CETUR), organismo xurdido a partir do Plan de Excelencia Turística, presentou no Concello e Santiago o seu ‘Estudo de Caracterización da Demanda Turística’, realizado durante os catro trimestres de 2005.

O profesor Xosé Santos Solla, director do CETUR, e o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, indicaron que o principal obxectivo do estudo é obter un perfil do visitante da cidade, a partir da análise das principais variables relacionadas coa visita, ademais de observar os cambios ao longo do ano para medir así posíbeis tendencias evolutivas.

A metodoloxía de estudo presentado baséase nunha enquisa destinada aos visitantes maiores de idade de Santiago entrevistados en distintos puntos de interese turístico da cidade.

Dos resultados extraídos do estudo para 2005 destaca o feito de que en 2005 o 70% dos visitantes que se achegaron á cidade de Santiago pernoctaron cando menos unha noite na cidade, isto é, son turistas. O 30% restante, pola contra, permaneceu na cidade menos dun día.

Aproximadamente o 60% dos turistas de Santiago pernoctan unha ou dúas noites na cidade, mentres que o 40% pasa das 3 noites. Isto da como resultado unha estadía media na cidade de 2,4 noites ao longo do ano 2005, sen variacións significativas nos distintos trimestres do ano.

Por orixe, case o 60% dos visitantes da cidade de Santiago son de procedencia española. A presenza de visitantes domésticos é algo superior nos meses de temporada baixa (primeiro e cuarto trimestre, cunha media dun 65% do total) e algo inferior en temporada alta, onde a presenza de visitantes estranxeiros, e sobre todo europeos, aproxímase ao 50% do total.

Os principais mercados emisores serían, dentro do territorio español, as comunidades de Madrid (19,0% do turismo doméstico), Cataluña (15,6%) e Andalucía (13,2%), e dentro do segmento estranxeiro Portugal (13,8% do turismo estranxeiro), Francia (12,7%), Alemaña (10,9%), Italia (9,1%) e Gran Bretaña (8,9%).

A importancia de Internet na organización da viaxe
O visitante de Santiago vén á cidade principalmente por motivos de vacacións ou de ocio (57,4%), mentres que a porcentaxe restante distribúese en motivacións como traballo ou negocios, congresos, visita a familiares ou amigos ou peregrinaxe (esta última acada un 18,4% ).

A Catedral e o seu entorno máis próximo, e o conxunto do patrimonio histórico e artístico son os principais atractivos turísticos da cidade de Santiago e a razón principal da visita para o 61% e o 42% do total de visitantes respectivamente. Outros elementos valorados positivamente son o Camiño de Santiago, atractivo principal para o 30% de visitantes, e a gastronomía (para o 21% do total). De feito, unha vez na cidade o 95% dos visitantes achégase á Catedral e o seu entorno. Nun segundo termo, e non menos importante, o 83% aproveita a visita para comer nalgún restaurante da cidade, o 68% para mercar algún regalo ou recordo e o 44% para coñecer museos.

Tres de cada catro visitantes da cidade de Santiago afirma que xestiona a viaxe pola súa conta, sen mediar os servizos de terceiras persoas. Deles, un 12% sinala que utiliza Internet como instrumento para a xestión da organización da viaxe. A xestión a través da axencia de viaxes é a fórmula utilizada por un 16% do total de visitantes.

A viaxe en parella é a alternativa máis frecuente na visita a Santiago (así o afirman un terzo do total de visitantes; en segundo lugar: a viaxe en compañía da familia (16,7%) ou amigos (20%), ou ben nalgúns casos a viaxe en solitario (18% do total). Soamente un 8,5% do total de visitantes da cidade vén en grupos organizados.

No que aos medios de transporte se refire, destacan principalmente o vehículo privado (39,2%) e o avión (20%) como os máis utilizados na viaxe a Santiago.

En relación ao aloxamento, destacan o uso do hotel (44%, cifra que ascende ao 55% no caso dos turistas vacacionais) por encima doutras tipoloxías: hostal (20%), pensión – fonda (6,6%) e albergue (10,1%). As tendencia sindican un maior uso porcentual do hotel nos meses de temporada media e baixa, e un incremento das modalidades alternativas de aloxamento (albergue ou cámping) na temporada alta.

Gasto medio de 71,6 euros
O gasto medio do turista na cidade de Santiago durante o ano 2005 é de 71,6 euros por persoa e día, cifra que ascende ate os 101 euros no caso daqueles que pernoctan en hotel. O gasto en aloxamento (51 euros de media) e manutención (32 euros de media) son os principais conceptos incluídos na cifra anterior.

Pola contra, o turista que pernocta en hostais e pensión ten un nivel de gasto lixeiramente inferior e próximo aos 55 euros por persoa e día. Finalmente, a estimación do gasto do excursionista é de 39 euros por persoa e día, circunstancia lóxica por canto este último colectivo permanece menos tempo na cidade e ademais non realiza gasto en aloxamento.

Alta valoración do destino
O 98,7% dos visitantes que viñeron a Santiago no ano 2005 consideran que a cidade é un destino turístico atractivo e de especial interese. Por isto, un 98,2% recomendaría a viaxe a Santiago a terceiras persoas e un 91% do total sinala que repetiría viaxe a Santiago (un 63,3% con seguridade e un 27,5% con certa probabilidade).

O 56% dos visitantes da cidade de Santiago considera que a relación calidade / prezo do destino é boa ou moi boa, mentres que un 21% sinala que este ratio é suficiente e soamente o 11% considera que é negativo.

Compartir: