TURISMO

Ryanair moverá a máis de 40 mil pasaxeiros entre Santiago e Liverpool, o seu novo destino

05/04/2006 Desde o 3 de outubro deste ano a liña aérea de baixos custes Ryanair enlazará a Liverpool e Santiago de Compostela con tres voos semanais, cuxas tarifas parten dos 3,99 euros por traxecto.

O novo destino no Reino Unido ven a engadir tres voos semanais aos 14 cos que Ryanair conecta actualmente ao aeroporto compostelán de Lavacolla con Londres, Roma e Frankfurt.

A nova ruta foi presentada polo subdirector de Vendas de Ryanair no Reino Unido, Kart Hogstadius, quen estivo acompañdo polo concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela; o xerente da S.A. de Xestión do Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e os presidentes da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, Manuel González e Juan Silva.

A nova ruta operará os martes, xoves e sábados, partindo ás 6:20 horas da mañá (hora local) de Liverpool e regresando ás 10:00 h. desde Santiago de Compostela. De acordo con Hogstadius, ‘con este cuarto destino internacional desde a capital galega as operacións de Ryanair en Lavacolla se manterán comodamente nos 240 mil pasaxeiros anuais no exercicio 2006-2007’.

De acordo con Francisco Candela, a elección de Liverpool interesa a Santiago de Compostela porque enlazará á capital galega co Noroeste de Inglaterra, unha rexión con máis de 7 millóns de habitantes e 350 mil empresas, sede do 75% das 100 primeiras empresas británicas e de 3 mil firmas con capital estranxeiro. A rexión, con cidades como Manchester o Leeds, é famosa ademais por ter a maior concentración de universidades de alto nivel de Europa e un alto nivel de vida.

‘Todo isto fai de Liverpool un excelente aeroporto para facilitar o acceso dun turismo británico de corte cultural, de congresos e de negocios cara a Santiago de Compostela’, sinalou Candela, quen adiantou que o Reino Unido seguirá sendo protagonista das campañas de promoción conxuntas de Turismo de Santiago e Turgalicia nos principais mercados emisores europeos.

40 mil novos pasaxeiros para Lavacolla
Ryanair, que comezou as súas operacións en Santiago de Compostela o 11 de abril de 2005, logrou transportar en menos dun ano a 150 mil viaxeiros, dous tercios dos cales foron turistas cara a capital galega.

‘Estamos encantados de engadir unha nova ruta desde Santiago que no seu primeiro ano creará 40 novos postos de traballo na cidade, proporcionará máis de 40 mil pasaxeiros ao aeroporto e xerará 7 millóns de euros de gasto turístico a Galicia. Isto engadirase aos 150 empregos e 30 millóns de gasto turístico que xa reportan os voos a Londres, Roma e Frankfurt ’, sinalou Hogstadius.

A nova ruta xa está dispoñíbel na páxina web de Ryanair con prezos que parten dos 3,99 euros por traxecto máis taxas. Desde Liverpool, ademais, os viaxeiros composteláns poderán aproveitar as outras 30 conexións de Ryanair con saída desde ese aeroporto, once das cales se presentaban hoxe.

En total, Ryanair conta na actualidade con 630 voos diarios repartidos en 325 rutas e 115 aeroportos de 22 países, cos que move a uns 35 millóns de viaxeiros cada ano coas tarifas máis baixas de Europa. O crecemento do 20% previsto para o próximo exercicio 2006-2007 sitúaa como a primeira liña aérea europea e permitiralle chegar aos 42 millóns de pasaxeiros.

Compartir: