AUDITORIO DE GALICIA

Mélanie Thiébaut interpretará coa Real Filharmonía a música do film A nova Babilonia

28/03/2006 A Real Filharmonía de Galicia, auspiciada polo Consorcio de Santiago, e dirixida pola directora Mélanie Thiébaut, interpretará a música da película "A nova Babilonia", composta por Dimitri Xostacovich.

Durante o concerto proxectarase o filme A nova Babilonia, estreado en 1929, con dirección e guión de Grigori Kozintsev e Leonid Trauberg, argumento de Yevgeny Enei, sendo o director de fotografía Andrei Moskvin, con música do compositor Dimitri Xostacovich e producida por Sovkino Film Factory (Leningrado, 1929).

O filme de Kozintsev e Trauberg mostra a desgraciada historia amorosa de Luísa, empregada do comercio parisiense "A nova Babilonia", e o soldado Jean, ambos participantes nos acontecementos da Comuna de París. As imaxes inspiráronse directamente na obra de Degas, Manet, Daumier e Renoir.

Xostacovich compuxo en apenas dous meses unha música que lembraba á das súas dúas primeiras sinfonías, incluíndo ademais pezas de galop e cancán. A partitura definitiva desbordaba os límites dunha simple música de acompañamento ata adquirir as proporcións dunha vasta "sinfonía para o cine". Nunhas declaracións realizadas algúns anos despois, o compositor afirmaría: "A música de cine adoita ser considerada como un mero acompañamento, suplementario das imaxes. Na miña opinión, debe ser xulgada como o que é: parte integral dun feito artístico".
Contra todo prognóstico, A nova Babilonia logrou estrearse en Moscova o 18 de marzo de 1929. O recibimento non puido ser peor, e aos dous días, a música de Xostacovich foi substituída polo popurrí de fragmentos tradicionais que adoitaba interpretarse nas películas da época.

Lonxe de desanimarse polo fracaso recollido, Xostacovich seguiría realizando contribucións para o cine, aínda que en filmes case sempre menores. A partitura d’A nova Babilonia caeu no esquecemento, ata que anos despois da morte do compositor, o director de orquestra Guennadi Rojdestvenski decidiu rescatala. Corrixiu algúns erros nas partes orquestrais e converteuna nunha suite para orquestra. Así se tocaría por primeira vez en 1976. O descubrimento foi entón recibido con entusiasmo unánime.

Compartir: