MEDIO AMBIENTE

Bonificacións nas taxas do lixo

22/03/2005 O Concello de Santiago bonifica ata cun 75% as tarifas de productores de lixo

Os productores de lixo que, tanto no ámbito domiciliario como empresarial, contribúan nos programas de recollida selectiva establecidos polo Concello poden acadar ata un 75% de bonificación nas tarifas.

Con este propósito a Xunta de Goberno aprobou o pasado 7 de marzo os criterios para a aplicación das bonificacións no ano 2005. Estes criterios son:

1. As vivendas que realicen compostaxe da materia orgánica mediante composteiros, ben a título individual ou por participación nalgún programa promovido polo Concello de Santiago, obterán unha bonificación dun 50% sobre o importe da taxa que lle corresponda.

2. As empresas ou establecementos comerciais que teñan implantado un sistema de xestión medioambiental, ben a través dunha ISO 14.000 ou do Regulamento 761/2001 polo que se aproba o Sistema europeo de xestión e auditoría ambiental (EMAS), obterán unha bonificación dun 30% do importe da taxa que lles corresponda.

3. As empresas que fagan unha contribución destacada ás políticas ambientais en materia de residuos, poderán obter unha bonificación de ate o 45% na taxa que lles corresponda, sendo acumulable este suposto ó anterior.

As devanditas bonificacións están previstas no artigo 6 da ordenanza fiscal nº 16, relativa á taxa por prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos no ano 2005

Esta ordenanza establece no seu parágrafo segundo:
Poderán solicitar unha bonificación da tarifa de até un 75% aqueles productores de lixo que fagan unha contribución destacada e efectiva aos programas de recollida selectiva establecidos polo Concello, e de acordo coas normas específicas que aprobe a Xunta de Goberno municipal. Esta contribución deberá ser avaliada de forma medible e contrastada polos servizos municipais. A solicitude de bonificación,informada polos servizos municipais, deberá ser sometida á consideración da Comisión de Goberno municipal (hoxe Xunta de Goberno Local), e terá unha vixencia máxima dun ano natural.

Compartir: