EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música presenta a súa nova páxina web e unha ampla programación trimestral de actividades

30/01/2012 A Escola Municipal de Música avanzou en rolda de prensa a programación do segundo trimestre do ano, que terá como marco escénico, ademais do propio centro, numerosos espazos emblemáticos da cidade. Ademais, a Escola presenta nova páxina web, co obxecto de dar unha mellor atención aos alumnos, ás familias e ao público en xeral.

O concelleiro de Educación, Ángel Currás, presentou estas actividades en compañía da directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez, e do xefe de estudos da mesma, Mario Diz. O edil apuntou que a Escola "está plenamente consolidada na cidade, cunha oferta educativa cada vez máis importante e cunha programación de cada vez máis calidade".

Currás agradeceu aos seus responsables e ao Departamento de Educación o seu esforzo para "promover o interese pola música e incrementar a matrícula cada ano. Este ano son 310 os alumnos matriculados, duplicando a matrícula do curso pasado. Disciplinas como o piano, o violín ou a guitarra cubriron toda a oferta de prazas.

"É un empeño do Concello que Santiago siga sendo unha cidade de tradición musical. A música é fundamental no currículo de calquera neno e decisivo na formación da persoa", indicou o concelleiro. A propósito desta formación musical, aproveitou a rolda de prensa para expresar o seu desexo de que Santiago conte co grao superior de conservatorio que "por historia lle corresponde".

A remodelada páxina web da Escola (www.esmucompostela.es) xorde como un lugar de intercambio e información e de acceso ás novas tecnoloxías no ámbito da música. Preténdese así mellorar a atención deste servizo público, con melloras nos procesos administrativos e un máis doado acceso aos elementos didácticos do alumnado.

Música nas prazas e actividades para os escolares
Entre as actividades da Escola xa comezou a denominada Música nas Prazas, un ciclo de cinco concertos a desenvolver o último domingo de cada mes. O primeiro tivo lugar o domingo 29, na praza do Toural con motivo do Día Mundial da Paz. Entre os escenarios destes concertos estarán tamén a praza Roxa, Fontiñas ou o palco de música da Alameda.

Outro dos eventos do programa é o denominado Contos e Sons: II Ciclo de Concertos Didácticos nos Centros de Ensino de Santiago. A través deste proxecto didáctico, a Escola quere promover por segundo ano o achegamento dos máis pequenos á música. Este ano, o ciclo leva por título Os contos no país do xeo. Haberá concertos nos CEIP os días 17 e 24 de febreiro, o 2, 9, 16, 23 e 30 de marzo, e o 13, 20 e 27 de abril. Tamén se celebrarán concertos nas escolas infantís os días 27, 28 e 29 de febreiro.

A Escola elaborou dúas unidades didácticas adaptadas ás idades do alumnado. Ademais, convidarase o profesorado de primaria ao centro para unha visita ás instalacións e a entrega destes materiais. Dentro desta mesma iniciativa realizaranse dous concertos destinados ás familias e que se celebrarán na Galería Sargadelos (sábado 10 de marzo, ás 12:30 horas) e na Fundación Torrente Ballester (sábado 17 de marzo, ás 12:30 horas).

Outra das propostas é o programa interdisciplinar Un mundo de posibilidades, no que participa a rede de escolas infantís municipais, a Escola e o artista plástico Xesús Carballido, coa colaboración da empresa Grupo Vendex, a Galería Sargadelos e a Fundación Torrente Ballester.

Clases maxistrais, barroco e convivencia
Tanto o concelleiro como a directora da Escola destacaron tamén o concerto de clausura das clases maxistrais de violín, o sábado 17 de marzo, ás 18:30 horas, no Casino de Santiago. Participará o alumnado deste curso e a súa profesora, Anca Smeu, violinista da Real Filharmonía de Galicia.

A Escola Municipal de Música centra a súa actividade deste trimestre na interpretación da música barroca. Como remate desta dedicación, o sábado 31 de marzo, ás 19:30
Horas, terá lugar no Auditorio de Galicia un concerto no que se interpretarán obras de Haendel tan coñecidas como o Canticorum Iubilo e A coroación de Atenas, a cargo dos Coros, da Orquestra de Corda e da Banda da EMMSC.

Finalmente, está previsto un encontro das agrupacións instrumentais e corais da Escola na vila de Rianxo. Será a fin de semana do 23, 24 e 25 de marzo, coa participación de máis dun cento de alumnos e familias nestas xornadas de estudo e convivencia coa música como eixe vertebrador.

Documentos relacionados



Compartir: