EDUCACIÓN E MOCIDADE

Programa de teatro para secundaria

24/03/2006 Os días 27 e 28 de marzo no Teatro Principal representarase o programa de teatro-forum "CACHAI" da Compañía Plan de Fugas coa colaboración do Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago.

Trátase dunha proposta pedagóxica para os alumnos/as de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato que xurde da "Aula Aberta de Filosofía" e está avalada pola Sociedad de Profesores de Filosofía Hispano-Chilena e a Sociedade Galega de Filosofía para Nenos.

Participarán os seguintes centros educativos da cidade: IES As Fontiñas, IES Rosalia de Castro, IES Eduardo Pondal, IES Pontepedriña, , IES Sar, IES Xelmirez I, IES Xelmirez II, , IES Antón Fraguas e IES Lamas de Abade, así como o IES Cacheiras e o IES de Cee. En total está prevista a asistencia de arredor de 1.200 alumnos/as.

O espectáculo teatral Cachai está contextualizado en Chile tras o golpe de estado de Pinochet en 1973. Chile e o golpe, como acontecemento desencadenante, representan unha metáfora, é dicir, un reflexo da situación mundial; a experiencia chilena é un pretexto para abrirnos a un problema que é máis extenso e que cubre o planeta enteiro.
Trátase en definitiva, dunha viaxe a través do recordo que constitúe o noso recente pasado colectivo.

"Cachai" é unha expresión procedente da fala chilena, un neoloxismo que xurde dende a fala popular, pero que desbordou este campo e transformouse nunha expresión cotiá na comunicación oral: cómo sentes, cómo comprendes o mundo. Cachai, como título desta obra, enfatiza este aspecto esencial do termo que apunta a unha forma de mirar que desoculta as estructuras que configuran a nosa realidade. A expresión chilena "cacahi" é unha invitación a pensar por un mesmo, a comprender por un mesmo. E a vía para a comprensión do mundo dun mesmo é a comprensión do alleo, do distinto, do diferente. Deste xeito, en tanto que exercizo filosófico, a experiencia proposta pretende xerar interrogantes.

Ao remate da representación teatral haberá un coloquio cos alumnos/as participantes para debatir sobre a temática da obra.

Compartir: