PLENO

Aprobados os cambios na ordenanza reguladora do estacionamento de residentes

26/01/2012 A Corporación deu o visto bo inicial á modificación da ordenanza do sistema de ordenación e regulación do servizo da ORA e do estacionamento de residentes, cos votos favorables do grupo de Goberno, o negativo de PSdeG-PSOE e a abstención do BNG. A norma, tal como explicou o concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez, contén como principal novidade que os residentes empadroados na cidade terán a posibilidade de estacionar nas zonas verdes coa súa tarxeta de residente por municipio, que implicará o pago dun canon aínda por fixar.

A Ordenanza segue a contemplar dous réximes especiais, o dos residentes por domicilio e o dos residentes por municipio. No caso dos segundos é onde se produce a novidade referida, xa que calquera cidadán empadroado poderá estacionar nas zonas verdes entre as 9:00 e as 20:00 horas. Isto será posible coa correspondente tarxeta de residente por municipio, a cal implicará o pago do devandito canno e por un período de tempo cuxo importe se fixará cando se aprobe a correspondente ordenanza fiscal. Cómpre lembrar que no caso das zonas azuis, os residentes por municipio poden beneficiarse dunha tarifa reducida do 50% e do dobre de tempo de aparcamento (240 minutos) en réxime ordinario.

En relación ao réxime especial, o dos residentes por domicilio habitual ou laboral, mantense a redución do 50% e o dobre de tempo de estacionamento para os que vivan en zona azul, así como o aparcamento gratis nas zonas verdes para os que residan en barrios onde esta modalidade está implantada.

Ampliación da cualificación de residentes
Neste réxime especial tamén hai novidades, como a ampliación da cualificación de residente a empresarios ou profesionais que exercen a súa actividades en barrios con zona verde, aos que se lles permitirá estacionar en horario laboral nas mesmas. Tamén neste ámbito laboral, a Ordenanza introduce un réxime específico para aqueles profesionais ou empresas que, non sendo residentes, exercen a súa actividade en Compostela en áreas con zona verde. Estes poderán estacionar de 9:00 a 20:00 horas pagando unha tarifa.

Seguindo co réxime de residentes por domicilio, agora poderanse obter ata tres tarxetas por vivenda, fronte as dúas permitidas ata agora. Outras novidades son que as tarxetas terán vixencia bianual e que, para solicitalas, non se esixirá o requisito de 180 días de empadroamento, para a concesión, que será automática previa comprobación do censo. O que non será compatible será a obtención das tarxeta de residente por domicilio e por municipio. Haberá que optar por unha delas.

Ademais, os actuais posuidores de tarxetas de residente deberán cambialas, xa que se substituirán por unhas novas con identificación electrónica que facilitarán o control. Este traballo de control nas zonas verdes realizarano agora traballadores da empresa concesionaria do servizo de grúa e ORA.

Nas zonas azuis mantense o réxime ordinario, dun máximo de 120 minutos de estacionamento, e o de longa duración, de ata 240 minutos. O que si se modifica é o de curta duración, que pasa dos 90 minutos actuais aos 60.

A Xunta de Goberno queda facultada para autorizar, por razóns de interese público ou social, supostos non contemplados especificamente pola Ordenanza.

Compartir: