ALCALDÍA

Paul Daniel será o director titular da Real Filharmonía de Galicia a partir de 2013

25/01/2012 O alcalde e presidente do Consorcio, Xerardo Conde Roa, fixo pública a decisión de nomear ao británico Paul Daniel director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2013. Sucederá no posto ao mestre Antonio Ros Marbà, titular da Filharmonía dende o ano 2000. Paul Daniel está vinculado á orquestra galega como principal director convidado dende 2007. Ademais, Daniel asumirá a dirección da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, centro docente unido á Real Filharmonía.

En palabras do alcalde, é "unha honra, un privilexio e un motivo de orgullo" poder contar con Paul Daniel como director da Real Filharmonía de Galicia. Indicou que se abre unha "un futuro moi esperanzador" para a orquestra, recordando que "a actividade cultural seguir sendo un dos eixes da cidade".

O director británico deu as grazas por convidalo a "traballar en Galicia e para Galicia". O seu obxectivo coa RFG é "facela máis importante e que chegue a máis persoas". Lembrou que el "non escollera vir a Santiago hai cinco anos", pero que quedara cativado pola orquestra e pola cidade. "É case un milagre que unha cidade tan pequena como Santiago sexa tan poderosa", dixo.

O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, encargouse de relatar algunhas notas da extensa traxectoria de Paul Daniel, quen actualmente ocupa o posto de principal director e conselleiro artístico da Australian Symphony Orchestra de Perth dende 2009. Ademais, foi director musical da English National Opera, de 1997 a 2005; da Opera Factory, de 1987 a 1990, e da Opera North, de 1990 a 1997. Tamén foi director invitado das máis destacadas orquestras do mundo. Mentres foi director principal da English Northern Philarmonia, a orquestra da Opera North, dirixiu numerosos concertos por todo o Reino Unido, e tamén levou a orquestra a participar en moitos festivais.

A súa gravación da Sinfonía núm.3 de Elgar/Payne, coa Bournemouth Symphony Orchestra, foi un dos álbumes da música clásica máis vendidos no 2000. Nestas últimas temporadas, Chandos puxo en circulación Dialogues des Carmélites, Falstaff e Wozzeck. Entre outras gravacións postas recentemente ao alcance do público inclúese Belshazzar's, do selo Naxos.

Das súas próximas actuacións en concerto, á parte dos seus concertos coa West Australian Symphony Orchestra, conta coas da Orchestre National Bordeaux Aquitaine, Hamburg Philharmonic, Tapiola Symphony e Gurzenich Orchestra Cologne.

En febreiro de 1998, Paul Daniel foi galardoado co premio Olivier pola súa extraordinaria aportación á ópera e, en 1999, cun premio Gramophone pola súa serie sobre a música inglesa gravada coa discográfica Naxos. Nos New Year's Honours do ano 2000 foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico.

A Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais están xestionadas polo Consorcio de Santiago, que as financia. Ambas forman un único proxecto, no que os músicos da orquestra son profesores da escola.

A Real Filharmonía de Galicia nace en 1996. O seu primeiro director titular foi Helmuth Rilling (1996-2000), a quen sucedeu Antoni Ros Marbà. A orquestra ofrece a súa temporada estable de concertos no Auditorio de Galicia.

No que respecta á Escola de Altos Estudos Musicais, dende o 2011 imparte o Curso Avanzado de Práctica Orquestral, no que 17 alumnos reciben clases de preparación. O curso está recoñecido oficialmente como estudo de posgrao, con título propio expedido pola Universidade de Santiago.

Compartir: