ALCALDÍA

O Concello acomete melloras viarias en Grixoa e Barciela e no contorno do Centro Sociocultural de Marrozos

25/01/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, acompañado polos concelleiros de Infraestruturas, María Castelao, e de Medio Rural, Luis Bello, visitou as obras de mellora realizadas en vieiros da Barciela e Grixoa e no contorno do Centro Sociocultural de Marrozos. Investíronse máis de 350.000 euros nestas tres obras.

A obra que supuxo un maior esforzo orzamentario destas tres foi a de reforzo do firme da vía pública M-8-IV entre a Ponte e Ponte Albar, na parroquia de Grixoa, cun custo de adxudicación de 150.000 euros máis IVE. A actuación consistiu na colocación de aglomerado en quente nunha vía que ten agora un ancho de 5,50 metros. Sobre esta obra, o alcalde comentou que "se fixeron canalizacións para incrementar o ancho da plataforma, mellorando moito a circulación viaria e dos peóns, xa que queda sinalada a parte pola que poden pasar".

No caso de Marrozos, investíronse 108.892 euros máis IVE no acondicionamento do contorno do seu Centro Sociocultural, onde se construíu unha área de recreo. Actuouse sobre unha superficie de 1.820 metros cadrados e soterrouse o cableado.

A concelleira de Infraestruturas amosouse satisfeita co resultado final desta obra, na que se "mellorou o proxecto orixinal, xa que se dotou ás vivendas e á casa reitoral das infraestruturas de saneamento, para poder conectalas no futuro á rede". Tamén se referiu ao cambio no deseño final e agradeceu á igrexa a cesión duns metros de terreo para "gañar espazo de recreo para os veciños".

Finalmente, o Concello acometeu por 96.000 euros o reforzo do firme na vía pública da Barciela. Esta obra permitiu o arranxo do veiro de acceso á parroquia de Cesar. "Neste tramo déuselle máis ancho do previsto inicialmente, para facilitar o paso dos peóns, indicou María Castelao. Ademais e atendendo unha demanda veciñal –apuntou Luis Bello- arranxouse un lateral da igrexa parroquial, creando unha zona de formigón que facilitará o acceso dos fregueses.

Compartir: