BENESTAR SOCIAL

Xuntanza da Rede Municipalista Solidaria

24/03/2006 Por terceiro ano consecutivo, a Rede Municipalista Solidaria enceta as súas xuntanzas no presente mes de marzo.
O Concello de Santiago de Compostela, socio dende o 1999, acolle o venres 24 de marzo ás 11.30 h. no Centro Sociocultural das Fontiñas a reunión da RMS da Área 3 das 7 nas que se reparte a totalidade dos socios por todo Galicia; a dita área pertencen os concellos socios da zona Sur da provincia de A Coruña: Ames, A Pobra, Boiro, Brión, Lousame, Noia, Outes, Porto do Son, Rianxo, Santiago e Corcubión.

Dende a súa creación, a Rede vén vivindo un proceso de consolidación que propicia a participación activa dos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no análise das estratexias de cooperación e solidariedade levadas a cabo.

Nestas xuntanzas infórmase aos funcionarios designados de cada unha das entidades asociadas dos pormenores de funcionamento e obxectivos que pretendemos acadar, presentamos as actividades do plan de sensibilización e recollemos as inquedanzas ou suxestións que en materia de sensibilización nos trasladan os compoñentes da Rede en base á súa propia problemática

Este ano quérese dar un paso máis e facer das reunións da Rede non só un espazo de encontro e de divulgación, senón tamén un espazo de aprendizaxe e formación para que, as técnicas e técnicos municipais teñan cada vez máis recursos cos que implicarse no mundo da cooperación e da solidariedade.

A Rede Municipal Solidaria está integrada por persoal técnico, na súa maioría persoal dos departamentos de servizos sociais, dos concellos socios do Fondo. Unha das súas funcións é a de servir de enlace entre a secretaría técnica do Fondo e os representantes políticos de cada Corporación ante o Fondo. Está estructurada en sete áreas, dúas en Pontevedra, tres en A Coruña, unha en Lugo e unha en Ourense, seguindo criterios de proximidade xeográfica procurando que o número de concellos non supere os quince por área.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha entidade municipalista que impulsa e coordina os esforzos da cooperación internacional ao desenvolvemento dende os concellos e deputacións de Galicia. Na actualidade conta con 87 socios.

Compartir: