CULTURA

Vinte e un espectáculos na programación de teatro e danza da Concellaría de Cultura

24/01/2012 O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o director xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron a programación completa de teatro e danza da Concellaría ata o mes de xuño. En total serán 65 citas con 21 espectáculos diferentes que aglutinan unha variada mostra do teatro e da danza galegos, así como o chegado dende diferentes puntos da xeografía española.

No programa completo ata o mes de xuño podemos atopar unha notable presenza do teatro galego, que inclúe a presentación das estreas da tempada e reposicións dalgún dos espectáculos con maior éxito de público dos últimos meses. Cabe destacar que se gaña un novo espazo para o teatro de corte experimental e alternativo coa Zona "C", que amplía os seus contidos ao mundo das artes escénicas e musicais. Así, poderemos gozar neste espazo da estrea absoluta de dúas obras, Mujer muerta caminando, dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio, e Hamlet, de Alfredo Padilla. As dúas obras estarán complementadas con sendos obradoiros, O texto como pretexto e Montando Shakespeare, para actores e actrices dos cales haberá tamén mostra pública ao remate.

A programación do teatro presenta a estrea na cidade de E.R. (algún día traballaremos xuntas), de Teatro do Atlántico; Se non queres casar, o mesmo dá, de Casahamlet; Chamada desde o máis alá, de Fusa Guillén; a triloxía completa de Citizen, de Chévere, ou Tango, de Sarabela Teatro. Ademais, teremos a Rafael Álvarez ‘El Brujo’, coa estrea en Galicia de El Testigo, ou comedias como Zoo, de Yllana, ou Catering, de Concha Rodríguez.

É de destacar a presenza no programa da nova produción de Teatro La Abadía, Grooming, de Paco Bezerra, que conta cun importante elenco, formado por Nausicaa Bonnín e Antonio de la Torre, dirixidos por José Luis Gómez. E en canto ás reposicións de obras que xa puidemos ver na cidade están Sexo? Por que non?, O Florido Pensil, A filla de Woody Allen e Shakespeare para ignorantes.

Danza
A programación de danza traerá a Compostela Nya. Díptico para 9 bailaríns, onde poderemos gozar da revisión contemporánea do Bolero de Ravel e dos cantos de Houria Aïchi co Ballet Contemporáneo de Alxer nunha colaboración franco-arxelina dirixida polo prestixioso bailarín e coreógrafo Abou Lagraa. Ademais, teremos a estrea en Galicia de Ni ogros ni princesas, a última produción de Provisional Danza, con coreografía e dirección de Carmen Werner. Completan a programación Baile de soños, de Circio, e Tulipanes, de David Loira.

Na rolda estiveron tamén as actrices María Barcala e Susana Dans, protagonistas de E.R.(algún día traballaremos xuntas) e Carlos Álvarez Osorio, director de Mujer muerta caminando, os dous eventos cos que comeza a programación.

As entradas para cada un dos espectáculos iranse poñendo á venda progresivamente e coa suficiente antelación polas vías de compra electrónica habituais. Pero ademais, como novidade, o despacho de billetes do Teatro Principal estará aberto dende o 1 de febreiro, de martes a sábado, entre as 18:00 e as 21:00 horas, para a venda de entradas.

Direcciones relacionadas



Compartir: