EDUCACIÓN

Máis de 1.400 escolares descobren a Compostela do século XIII

24/01/2012 O concelleiro de Educación, Ángel Currás, acompañou a un grupo de escolares dos colexios Nosa Señora dos Remedios e Milagrosa na súa visita á exposición Compostella dicitur. A cidade da Catedral. Santiago en 1211, que se exhibe na renovada Casa do Cabildo. Uns 400 alumnos de Santiago e comarca xa participaron nas visitas guiadas e outros 1.000 xa teñen a súa reserva confirmada. As visitas do público en xeral xa alcanzan as 3.000 persoas.

Estas visitas didácticas permiten aos escolares realizar unha viaxe ao ano 1211, ano da consagración da basílica xacobea, a través de dúas aplicacións interactivas que permiten recrear o aspecto da cidade por entón. A primeira é un plano virtual a través da cal se poden coñecer os nomes das rúas, das fontes, das portas da muralla e das igrexas, así como as áreas nas que se asentaban os diferentes gremios. A outra é un paseo virtual que recrea os pasos que un peregrino tiña que dar nesa época dende a Porta do Camiño ata a súa entrada na Catedral.

A mostra complétase cunha serie de paneis explicativos que permiten coñecer aspectos relacionados co aspecto urbano da Compostela medieval: as igrexas da cidade, a antiga muralla coas súas portas, os oficios e os gremios. Un apartado especial está dedicado ao abastecemento de auga, cuxo sistema aínda hoxe perdura nalgúns puntos da cidade.

Tamén conta cunha colección de reproducións de vistas e planos históricos de Santiago, así como a vista aérea de 2008, a través dos cales se pode comprobar como a fisionomía da cidade histórica permaneceu practicamente inmutable ao longo dos tempos.

A exposición respecta ao máximo a estrutura do edificio recentemente rehabilitado, que, deste xeito, se converte nun aspecto máis da visita. A planta baixa, abovedada, da Casa do Cabido, acolle un resumo, en imaxes, do proceso de rehabilitación ao que se someteu o edificio durante os últimos meses.

Planos históricos
A visita permite coñecer de primeira man moitos dos planos históricos da cidade, a través das súas reproducións. Son planos que se gardan nos arquivos municipais e da Catedral e no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Destacan catro planos procedentes do Arquivo Xeral de Simancas, nos que se debuxa a antiga muralla e a vella arqueta de San Miguel, cisterna que recollía o principal canal de abastecemento de auga na cidade dende a época medieval ata ben entrado o século XVIII. Tamén se poden admirar dúas vistas de Santiago, de Pier Maria Baldi (1669) e Ramón Gil Rey (1837).

Compartir: