TURISMO

O programa ‘Ciudades para el siglo XXI’ grava durante 10 días en Santiago

22/03/2006 Televisión Española despraza tres unidades móbiles á capital galega para gravar durante 10 días, coa colaboración da Santiago de Compostela Film Commission, un monográfico da serie que se emite semanalmente na segunda cadea.

Unha equipa da Radio Televisión Española, encabezada polos directores-produtores Nel Escudero e Juan Francisco Rodríguez, comezou este mércores 22 o traballo de gravación dun capítulo do programa ‘Ciudades para el siglo XXI’ dedicado a Santiago de Compostela.

‘Ciudades para el siglo XXI’, que se emite pola segunda cadea todos os domingos ás 21:30 horas, é unha serie de documentais de tipo monográfico cuxo contido mestura o documental televisivo e a guía de viaxes, pois contempla tanto os aspectos tradicionais como os elementos urbanos máis innovadores das principais urbes españolas.

A característica máis definitiva destes documentais é a súa extraordinaria xenerosidade de medios: non só empregan as máis modernas tecnoloxías, como Betacam Digital, formato 16/9 e son estéreo, senón que permanecen nas cidades o tempo necesario para ‘retratala’ en profundidade, con novidosos puntos de vista desde helicópteros con wescam, cabezas calientes, steadicams, travellings, etc.

Máis de 30 localizacións
Os produtores de programa, coa asesoría da SCFC, elixiron máis de 30 localizacións para as gravacións en Santiago. Os lugares van desde os máis destacados monumentos do casco histórico ata institucións como o Parlamento ou a Universidade de Santiago, cuxos institutos de investigación, bibliotecas e clases cotiás ocupan lugar destacado nos contidos.

O traballo de RTVE, que se prolongará ata o 31 deste mes, non esquece tampouco aspectos como a arquitectura contemporánea, os parques e xardíns, os novos barrios, a restauración, a vida nocturna, as actividades culturais, o folclore, o comercio tradicional e contemporáneo e a industria local.

O resultado deste enorme esforzo poderá verse a principios de 2007, cando será emitido o programa monográfico sobre Santiago de Compostela.

Consultado sobre o motivo da elección de Santiago para formar parte desta serie que ven retratando, nos últimos 3 anos, a máis de 25 urbes, o director Nel Escudero afirma que ‘Santiago practicamente escolleunos a nós. O decidido apoio do Concello foi definitivo para vir á cidade, a primeira en Galicia que parecerá no noso programa’.

De acordo co Escudero, ‘Santiago entraña unha mistura perfecta de elementos clásicos, bastante ben coñecidos, e de extraordinarios elementos contemporáneos que necesitan darse a coñecer. Tamén traremos de captar aspectos como a vitalidade estudiantil e a gran calidade de vida que percibimos na cidade’.

Durante a longa pre-produción, o espazo televisivo contou coa asistencia da Santiago de Compostela Film Commission, que os guiou na selección de localizacións, preparou dossiers temáticos para a elaboración do guión, tramitou permisos e colaboracións locais e segue apoiando ao programa na actual etapa de produción.

Compartir: