DEPORTES

O I Cross de Compostela reunirá o mellor do campo a través galego no Monte do Gozo

20/01/2012 Un circuíto no Monte do Gozo acollerá o domingo 29 de xaneiro o I Cross de Compostela, unha proba que aglutinará o Campionato Galego de Campo a Través nas categorías sénior e júnior e varias competicións para corredores en idade escolar.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou este I Cross de Compostela, a primeira dunha serie de iniciativas que o Goberno local quere por en marcha para "potenciar o deporte do atletismo, dunha longa tradición na cidade". O Concello achega 6.500 euros a esta proba, atractiva dende o punto de vista competitivo e tamén para os espectadores, xa que o circuíto do Monte do Gozo permitirá contemplar toda a carreira dende calquera punto.

Acompañou ao concelleiro na presentación o delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, quen recordou que desta proba sairán os campións galegos de campo a través e a selección que representará a Galicia no Campionato de España por autonomías, a celebrar en Xixón no mes de marzo. Pero tamén animou os rapaces e rapazas a participar nas competicións en categoría cadete-xuvenil, infantil, e benxamín-alevín. Poden inscribirse na seguinte dirección: inscricionsfgasantiago@gmail.com.

Sanmartín indicou que "Galicia é terra de cross" e agarda a estabilidade e consolidación desta proba, coa intención de que "pase a formar parte do calendario nacional e sexa o cross representativo de Galicia".

Tamén compareceu o actual campión galego de cross, Lolo Penas, que participará na proba coa aspiración de "defender o título". Sobre o percorrido do Monte do Gozo afirmou que é "un circuíto moi bonito, auténtico de cross e un dos máis duros que se poden correr no panorama nacional".

Fundación Compostela Deporte
A preguntas dos xornalistas sobre a situación da Fundación Compostela Deporte, Adrián Varela explicou que "foron embargadas as achegas das administracións públicas e entidades privadas, deixando á Fundación nunha situación de "asfixia total". "O plan de pagos que tiñamos previsto presentarlle aos acredores teremos que pospoñelo", engadiu.

Compartir: