DÍA DA AUGA

A chuvia fíxose presente no Día da Auga

22/03/2006 Arredor de 170 nenos e nenas do CEIP Roxos-Villestro, da Escola Rural Feáns-Villestro e da Escola Rural Rial-Laraño participaron nas actividades conmemorativas que o Concello organizou no Día da Auga, e celebrar así mesmo o Día da Árbore, no parque de Brandía.

Se ben os rapaces non puideron plantar todas as árbores previstas por mor da chuvia, si que disfrutaron cos contos ecoloxistas de Anxo Moure, xogaron e deron un paseo pola Finca de Brandía previstos dos chuvasqueiros que houbo que improvisar a última hora.

A media mañá tivo lugar o acto institucional coa intervención do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a presenza de varios membros da corporación, tras o cal os rapaces deron boa conta dos bocadillos e refrescos que se repartiron.

Un chuvasqueiro e unha camiseta conmemorativa, ademais dunha guía coa descrición das características das árbores e do ciclo da auga foron algúns dos agasallos deste día. Tamén se colocaron placas informativas referidas ás características das especies do parque xa existentes, e púxose en funcionamento unha fervenza artificial nunhas rochas do parque, aproveitando o estanque natural da finca.

Ao longo destes días o Concello distribuiu nos centros de ensino primario e secundario un folleto editado con motivo destas celebracións nos que se recollen as principais características dalgunhas especies arbóreas comúns en Galicia, así como información sobre o ciclo da auga.

Compartir: