CULTURA

Última semana para ver "Cal e canto", do Colectivo Batbirulau, na Zona "C"

17/01/2012 A intervención Cal e canto, do Colectivo Batbirulau, chega á súa última semana de exhibición na Zona "C", equipamento cultural dependente da Concellaría de Cultura. O domingo 22 clausúrase a mostra, aberta dende o 21 de outubro. O horario da sala é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas todos os días, agás os luns.

Cal e canto propón o estado de reflexión dunha persoa doente tras a morte de alguén moi achegado. Unha intervención que consiste en ir pintando o chan, nunha acción calmada e íntima que vai tecendo os pensamentos. Unha instalación que queda como residuo da acción que se desenvolve no acto de apertura.

A performer vestida con atavío negro de corte clásico percorre a estancia, no seu peito leva unha videocámara incorporada que filma e reproduce nunha pantalla, en tempo real, o que acontece: a saia alóngase e vai cubrindo a estancia cun veo negro, a cámara será a que dende o seu peito rexistre a acción das súas mans. A artista disponse a manchar trapos unha e outra vez en almofías cheas de tintura, e avanza aos poucos debuxando o chan mentres borra cos seus xeonllos o traballo feito.

O vídeo será rexistro e tamén testemuño da acción. A sala é tomada por metros de puntillas e voantes que debuxan a arquitectura da estancia.

Colectivo Batbirulau
Batbirulau é un colectivo, creado en Compostela no ano 2007 que, nas súas propias palabras, "traballa sobre ideas que comezan a forxarse en paredes cheas de papeluchos inservibles aínda que vitais para poñer cada idea individual ao servizo dunha idea común que se consagra ao traballo en equipo". Non é a primeira vez que traballan coa Concellaría de Cultura, xa que no ano 2009 presentaron ao VI Premio de Novos Artistas Auditorio de Galicia una obra que foi seleccionada e, polo tanto, estivo exposta na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio.

Compartir: