URBANISMO

Os propietarios das Casas de Ramírez poden optar a axudas de ata 10.400 euros para a mellora de elementos comúns

17/01/2012 Os veciños dos 17 bloques das Casas de Ramírez, no Ensanche compostelán, poderán acceder a axudas de rehabilitación e mellora de elementos comúns, grazas a ser considerados estes inmobles como edificios catalogados. As axudas poden chegar ata o 75% do orzamento da obra, cun máximo de 10.400 euros.

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou as características destas axudas, un día despois de terllas explicado persoalmente aos veciños nunha xuntanza na que tamén participou o alcalde, Xerardo Conde Roa. As subvencións están destinadas á mellora de elementos comúns que melloren a mobilidade, fundamentalmente ascensores, pero tamén a escaleiras ou fachadas, entre outros.

As axudas poden alcanzar ata o 75% do orzamento da obra, cun máximo por vivenda de 10.400 euros. O 50% desa axuda sería achegada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), ata un máximo de 6.600 euros, que percibirían aqueles cuxos ingresos non superarse o 6,5% do IPREM (en torno aos 65.000 euro ao ano). O Ministerio de Fomento satisfaría á comunidade de propietarios un 10%, ata un máximo de 1.100 euros por vivenda, e outro 15%, ata un máximo de 1.600 euros por vivenda, tamén aos propietarios con ingresos inferiores ao 6,5% do IPREM. A maiores, se o solicitante é maior de 65 anos ou discapacitado, esta última axuda alcanzaría os 2.700 euros.

Recordou a concelleira que o primeiro paso para optar a estas axudas é que a comunidade de propietarios chegue a un acordo, e posteriormente presentar o proxecto técnico validado por un arquitecto. Débese presentar a solicitude de licenza e obter do Concello a cualificación necesaria, que será a que logo habilitará para a solicitude –cando haxa a convocatoria de axudas- e posterior percepción das axudas. Executadas as obras, percibirase a subvención. Para afrontar este período entre a execución da obra e o ingreso da subvención hai a posibilidade de acollerse a un crédito ponte, cun interese vantaxoso dun 3%.

Acompañou a María Pardo na rolda de prensa o técnico Fernando García Tobío, quen recordou que no Concello se atenden as solicitudes de axudas de rehabilitación de vivendas en calquera ámbito da cidade, e non só das comprendidas en áreas de rehabilitación integral (ARI) ou, como neste caso das Casas de Ramírez, en edificios catalogados.

Documentos relacionados



Compartir: