MOBILIDADE

Os residentes por municipio poderán estacionar en zona verde de 9:00 a 20:00 horas co pago dun canon

17/01/2012 O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez, explicou en rolda de prensa as principais novidades da modificación da Ordenanza do Sistema de Ordenación e Regulación do Servizo da ORA e Aparcamento de Residentes. Unha das principais novidades é que os residentes empadroados na cidade terán a posibilidade de estacionar nas zonas verdes coa súa tarxeta de residente por municipio, que implicará o pago dun canon aínda por fixar.

Albino Vázquez recordou que a Ordenanza contempla dous réximes especiais, o dos residentes por domicilio e o dos residentes por municipio. No caso dos segundos prodúcese a principal novidade, xa que calquera cidadán empadroado poderá estacionar nas zonas verdes entre as 9:00 e as 20:00 horas. Isto será posible coa correspondente tarxeta de residente por municipio, a cal implicará o pago dun canon fixo e por un período de tempo cuxo importe se fixará cando se aprobe a correspondente ordenanza fiscal. Cómpre lembrar que no caso das zonas azuis, os residentes por municipio poden beneficiarse dunha tarifa reducida do 50% e do dobre de tempo de aparcamento (240 minutos) en réxime ordinario.

No caso do outro réxime especial, o dos residentes por domicilio habitual ou laboral, mantense a redución do 50% e o dobre de tempo de estacionamento para os que vivan en zona azul, así como o aparcamento gratis nas zonas verdes para os que residan en barrios onde esta modalidade está implantada.

Ampliación do concepto de residente
Pero tamén neste réxime se producen novidades, como a ampliación da cualificación de residente a empresarios ou profesionais que exercen a súa actividades en barrios con zona verde, aos que se lles permitirá estacionar en horario laboral nas mesmas. Tamén neste ámbito laboral, a Ordenanza introduce un réxime específico para aqueles profesionais ou empresas que non sendo residentes, exercen a súa actividade en Compostela en áreas con zona verde. Estes poderán estacionar de 9:00 a 20:00 horas pagando unha tarifa. O concelleiro puxo como exemplo deste suposto as axencias de transporte.

Seguindo co réxime de residentes por domicilio, agora poderanse obter ata tres tarxetas por vivenda, fronte as dúas permitidas ata agora. Outras novidades son que as tarxetas terán vixencia bianual e que, para solicitalas, non se esixirá o requisito de 180 días de empadroamento, para a concesión, que será automática previa comprobación do censo. O que non será compatible será a obtención das tarxeta de residente por domicilio e por municipio. Haberá que optar por unha delas.

Substitución de tarxetas
Ademais, os actuais posuidores de tarxetas de residente deberán cambialas, xa que se substituirán por unhas novas con identificación electrónica que facilitarán o control. Este traballo de control nas zonas verdes –anunciou Albino Vázquez- realizarano agora traballadores da empresa concesionaria do servizo de grúa e ORA.

Nas zonas azuis mantense o réxime ordinario, dun máximo de 120 minutos de estacionamento, e o de longa duración, de ata 240 minutos. O que si se modifica é o de curta duración, que pasa dos 90 minutos actuais aos 60.

Outra das novidades comentadas polo edil é a disposición que faculta á Xunta de Goberno para autorizar, por razóns de interese público ou social, supostos non contemplados especificamente pola Ordenanza.

A norma será levada ao Pleno ordinario de xaneiro para a súa aprobación inicial, para posteriormente sometela a alegacións durante o prazo dun mes. De non haber alegacións, sería publicada e entraría en vigor. De habelas e tras estudalas, iría ao Pleno de marzo para a súa aprobación definitiva. Só tras a entrada en vigor da norma se poderán solicitar as novas tarxetas no Departamento de Tráfico.

Para Albino Vázquez, con estas modificacións preténdese que a Ordenanza "cumpra coas necesidades dos veciños e funcione". Precisamente, recordou, foron os propios cidadáns os que, coas súas demandas, revelaron o "restritiva" que resultaba a norma inicialmente aprobada en xaneiro de 2010.

Modificacións de tráfico
O concelleiro aproveitou tamén a rolda de prensa para anunciar dous cambios no tráfico co obxecto de mellorar a mobilidade no barrio de Conxo. A primeira das modificacións, a petición das dúas asociacións veciñais do barrio, consiste na variación do sentido do tramo da avenida de Vilagarcía que enlaza coa rúa Manuel Beiras.

Ata o momento, os vehículos que circulaban pola avenida de Vilagarcía podían seguir pola súa esquerda cara a Casa das Asociacións e Cornes. Agora, a vía cambia o sentido, de forma que os vehículos procedentes de Cornes poderán incorporarse á rúa de García Prieto, xirando á esquerda tras realizar un stop.

O outro cambio consiste en dotar dunha única dirección o estreito tramo da rúa dos Roláns comprendido entre a rúa de Ildefonso Sánchez Mera e a travesa de Conxo, quedando o sentido en dirección a esta última.

Compartir: