ALCALDÍA

O alcalde expresa o seu pesar pola morte de Manuel Fraga, "un compostelán máis e o noso mellor embaixador"

16/01/2012 A Xunta de Goberno local decretou tres días de loito e que as bandeiras ondeen a media hasta polo falecemento de Manuel Fraga, sumándose así ás medidas establecidas pola Xunta de Galicia. O alcalde comunicou esta decisión e o seu pesar pola morte dun "compostelán máis" que "levou sempre Santiago no seu corazón".

Xerardo Conde Roa transmitiu as súas "sinceras e profundas condolencias á familia de Manuel Fraga", cuxo falecemento supón "unha perda moi sensible e sentida". Lembrou que o ex presidente da Xunta "foi sempre o mellor embaixador" da cidade, da que "é fillo adoptivo e medalla de ouro", pola súa contribución decisiva á creación do Consorcio de Santiago. Referiuse ás obras en Compostela durante o seu mandato e, particularmente, á Cidade da Cultura.

Para o alcalde, "pérdese tamén un home de Estado" que deixou "unha impronta imborrable na historia de España", converténdose "nun dos políticos máis importantes do século XX e principios do XXI".

Xa referíndose á súa relación persoal con Manuel Fraga, Conde Roa lembrou o "intenso" traballo con el durante a súa etapa como deputado autonómico. Ademais, cualificou de "momento especial" e cheo de "emoción" a asistencia do ex presidente da Xunta á presentación da súa candidatura ás eleccións municipais no mes de febreiro, na que foi a súa última aparición pública en Galicia.

Xa máis recentemente, Manuel Fraga non puidera asistir á inauguración da rúa que leva o seu nome e que conecta Sar coa Cidade da Cultura. "Foi unha homenaxe cargada de cariño e afecto" -recordou o alcalde- cara unha "persoa excepcional".

Documentos relacionados



Compartir: