CULTURA

A Agrupación Musical Albéniz ofrece un concerto no Auditorio de Galicia

12/01/2012 A Agrupación Musical Albéniz chega a Compostela o sábado 14 de xaneiro para dar un concerto no Auditorio de Galicia. Será na Sala Mozart a partir das 20:00 horas e a entrada é libre ata completar aforo.

Dirixida por Enrique Rodríguez Iglesias, a Agrupación interpretará un variado programa, acompañada no escenario polo seu grupo de voces mixtas. O concerto, que conta coa colaboración do Concello de Santiago, está patrocinado pola Agadic e a Consellaría de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.

A Orquestra de Pulso e Púa da Agrupación Musical Albéniz data do ano 1928 e durante a súa existencia montaron máis de 800 obras musicais e deron máis de 1.200 concertos. Participou en importantes festivais tanto en España coma no estranxeiro e percorreu cos seus concertos unha gran parte da xeografía española e europea: Francia, Italia, Portugal e Bélxica. Nos Estados Unidos actuou nos Ánxeles, San Francisco, O Carmel, Espadena e Nova York.

Dende 1981 realizan un grande esforzo para incorporar mozos e mozas. Como resultado deste esforzo conseguen que a media de idade da Orquestra sexa menor do que é habitual noutros colectivos musicais deste tipo. Ademais, dende o ano 1982 realizou seis gravacións musicais.

A Orquestra da Agrupación Musical Albéniz está formada por: mandolinas primeiras e segundas, bandurrias primeiras e segundas, laudes, laudóns, guitarras, guitarras baixo e percusión. Conta, ademais, cun grupo de voces mixtas para interpretar determinadas obras musicais acompañado pola Orquestra, que tamén estarán no Auditorio de Galicia.

PROGRAMA DO CONCERTO

Arizona, de A. Stelz.
Anema e cuore, de Salve d'Espósito - letra de D. Titomanlio.
Donde estás corazón, de L. Martinez Serrano.
La leyenda del beso, de Soutullo y Vert.
Si te viera Garay, de Eladia Blázquez.
Malagueña, de E. Ulierte.
La barca de oro, de Cuco Sanchéz-letra Ana Gabriel.
Pequeña serenata, de E. Rodriguez Iglesias.
Mix de habaneras, arranxo de E. Rodriguez Iglesias.
Coruña rag, de E. Rodriguez Iglesias.
El barberillo de Lavapiés (Preludio), de F. Asenjo Barbieri.
Valses peruanos, popular.
Qué más se puede pedir, de A. Gundín - E. Rodriguez.

Compartir: