BENESTAR SOCIAL

Vinte e dous mozos en situación de risco social melloran a súa capacitación laboral grazas aos cursos da UMAD

11/01/2012 A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, presentou varios curso de prevención que está a realizar a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD). Trátase de catro obradoiros de mellora da comunicación entre pais e nais e doutros de capacitación laboral, neste caso destinados a mozos e mozas en situación de conflito.

Vinte e dous mozos participaron no mes de decembro en dous cursos formativos de capacitación laboral: un de monitor de educación ambiental e outro de monitor de transporte escolar. Paula Prado destacou o "nivel mínimo de faltas de asistencia" dos participantes nestes cursos, nos que melloran as súas habilidades e a súa autoestima.

A intención da Concellería e da UMAD é que agora estes mesmos mozos, e outros que se queiran incorporar, participen nun novo curso de monitor de comedor escolar. Ademais, apuntou a edil, "a idea é que despois deste curso se incorporen a un curso de competencias clave que lles permita facer o exame de obtención do título de graduado en ESO, e así poder ofrecerlles outro tipo de cursos que favorezan a súa incorporación ao mercado laboral".

Cursos para pais
Xa no eido da prevención universal, Paula Prado anunciou para o primeiro trimestre do ano catro talleres para pais e nais en catro centros educativos da cidade: dous para pais de alumnado de primaria e outros dous para pais de escolares de secundaria, contando coa colaboración das ANPAS dos centros. Os obradoiros, de oito horas cada un, celebraranse en catro sesións e serán impartidos pola psicóloga da UMAD María José Blanco.

O primeiro dos cursos celebrarase no IES Antón Fraguas e leva por título "Cando todos falamos, ¿quen escoita?" e xira en torno á comunicación na adolescencia. O seguinte será impartido no CEIP Pío XII baixo o lema "Falar e escoitar" e centrarase na comunicación en familia. O terceiro dos obradoiros, tamén sobre a adolescencia, terá lugar no IES Rosalía de Castro, quedando o cuarto para o CPR Compañía de María.

A concelleira animou aos pais e nais destes centros escolares a participar nos obradoiros, e indicou que a intención é a de "chegar con estes cursos a todos os centros".

Duplicación de partidas para entidades sociais
Paula Prado aproveitou a súa comparecencia para anunciar que as partidas para entidades sociais -vía convenio- se van duplicar nos orzamentos de 2012. Esta partida fora de 181.000 euros en 2011.

En canto ás subvencións, indicou que "imos primar a prestación do servizo" e "concretar a onde van dirixidas as axudas". Ademais, "priorizaremos a mancomunidade de servizos", engadiu, poñendo como exemplo as entidades que, con sede na Casa das Asociacións de Benestar Social, comparten determinados servizos.

Compartir: