PARQUES E XARDÍNS

A posta en valor do patrimonio natural

22/03/2006 O concello segue adiante co proxecto de construír un itinerario verde que una todos os parques da cidade.

Con motivo da última Conferencia Hábitat das Nacións Unidas celebrada o ano 2002 en Johannesburgo Compostela recibiu o recoñecemento internacional do Premio Dubai de boas prácticas na mellora das condicións de vida dos asentamentos humanos dentro da Área de Desenvolvemento Territorial e Urbano sostible, pola planificación da recuperación da cidade histórica e da integración do seu contorno natural. Os composteláns somos uns privilexiados en canto ó numero de espazos verdes dos que podemos gozar. Neste intre, hai 20 m2 de zonas verdes para cada un de nós e o obxectivo é que esa cifra aumente ata os 40 m2 por habitante, en canto se aprobe o novo Plan Xeral.

O Plan reafirma o gran parque forestal do Pedroso coa súa continuidade cara ao Sar, a realización do Xardín Botánico e a recuperación ambiental do treito do río entre o Campus e A Amañecida, así como cara á Peregrina, completando o treito ata o Romaño.

Asociado ao Sarela confórmase outro novo sistema de parques públicos que percorre o río dos Sapos, e vai desenvolvéndose por Horta de san Francisco, Xardín de Vista alegre, Parque de Música en Compostela e Parque de Vite, aos que se engadirán as zonas libres de Salgueiriños e o Parque de Meixonfrío.

O Plan tamén incorpora definitivamente á cidade o fráxil sistema asociado ó río Sar, que se deberá integrar nun amplo corredor ambiental e paisaxístico recuperado desde as súas fontes en Amio ata a Silvouta. As propostas combinan o mantemento do espazo natural coa introdución de usos singulares de calidade dotacionais e deportivos, acompañando ás áreas de novos accesos.

A ordenación, desde o seu arranque en Amio, asóciase á apertura en viaduto dun treito da circunvalación aos núcleos de Ponte de San Lázaro e Paredes, nos que os novos accesos permitirán a implantación de pequenos equipamentos asociados ao río e as áreas de espazos libres. Proponse a integración ambiental e a restauración das condicións naturais e paisaxísticas de San Lázaro e o núcleo de Ponte do Viso.

Para as Brañas do Sar o Plan establece sumalas ao patrimonio público e propón a recomposición das támaras viaria e ferroviaria, confirmando zócolos nos que se apoian instalacións de carácter deportivo-recreativo e complementarios. Entre a nova vía A Pontepedriña-Calzada do Sar e a rúa do Gaiás proponse unha secuenciada implantación volumétrica que contribúa á ordenación do novo parque das Brañas e á súa integración gradada desde o Alto de Santas Mariñas. Ordénanse dúas pezas: unha ao norte (en torno ás Piscinas e ao Multiusos e inmediata ao novo parque da Cidade da cultura) que albergará usos universitarios e deportivos; e outra ao sur (entre a Colexiata de Sar, o vello núcleo de Ponte de Sar, a estación ferroviaria e a nova ordenación) que se ordenará como corredor verde, promovendo a conexión polo menos peonil entre a cidade, a rúa do Hórreo e ao sur da Estación da Pontepedriña.

Traspasada A Pontepedriña, o río aproxímase á cidade posibilitando a conformación dunha grande área de espalalmento como parque urbano dos ensanches da cidade. O Plan propón a localización dunha área dotacional deportiva. Máis aló de Ponte Pereda, establécense dous Plans Especiais de Protección e Acondicionamento de Curso Fluvial no treito Conxo-A Rocha e no treito Vidán- A Silvouta.

O Plan propón dar continuidade ao parque da Volta do Castro, conformando un grande espazo que comeza nas ladeiras do Monte do Castro de Conxo ata as marxes do río Sar.

Ademais da importancia do complexo da cidade da Cultura, o Plan fai fincapé no carácter paisaxístico que adquire na súa relación coa cidade e reafírmase no mantemento da reserva do parque recreativo no alto das Canteirasa no Monte Ouríns, que conforma unha unidade co parque de Fontiñas.

Corredor verde
O Plan Xeral contempla ademais o trazado dun gran sendeiro que una todos os parques entre si e que poida ser utilizado como ruta de sendeirismo e tamén como vial para o paseo en bicicleta. Os quince quilómetros poderanse percorrer a pe nunhas dúas ou tres horas e en pouco máis dunha hora en bicicleta. A intención é unir os parques máis próximos recuperando sendeiros pechados ou prolongando zonas verdes ata unilas.

Así, o itinerario verde na zona do Paxonal (Parque Eugenio Granell) transcorrería por debaixo do viaduto do ferrocarril e do periférico para seguir ata Conxo e Cornes, onde está prevista unha ampla zona verde. A unión de San Domingos de Bonaval con Almáciga tamén contará coa reapertura dun antigo sendeiro, oculto actualmente pola maleza, e que transcorre por detrás do Colexio Apóstolo Santiago. A zona verde do multiusos, onde está previsto habilitar un parque deportivo, quedaría unida o entorno do río Sar, xunto á Colexiata.

O proxecto do itinerario verde permitirá tirar un maior rendemento ós máis de 1.460 metros de parques urbanos da cidade e presentar este sendeiro como unha proposta de ocio e tempo libre, tanto para os composteláns como para os visitantes. No proxecto tamén está contemplada a identificación dos parques da cidade, e propostas para realizar percorridos con información sobre o tempo estimado do itinerario

De momento, está completada a primeira fase do proxecto que corresponde ós dous quilómetros de sendeiro que separan Ponte Mantible, no Polígono de Vite, e a Casa de Europa en Vista Alegre. Concretamente o sendeiro une os parques de Ponte Mantible, Pablo Iglesias, Fermín Bouza Brei, Alexandre Bóveda, Xixón, Burgo das Nacións, Música en Compostela, Pelamios e Casa de Europa. O custe de acondicionar estes dous quilómetros foi de 103.480 euros.

Haberá que esperar a que se aprobe o Plan Xeral e se empecen a abrir os novos corredores, para continuar executando o proxecto. O alcalde da cidade, X.A. Sánchez Bugallo lembraba recentemente que co Plan Xeral "Compostela vai quedar cuns estándares e unhas reservas que non teñen parangón no noso contorno. As zonas verdes pasarán de dous a cinco millóns de m2 de superficie, é dicir, entre 35 e 40 m2 por cada habitante. Todo o que está feito ou o que está en marcha colocan a Santiago nuns parámetros de privilexio. Evidentemente isto supón un custo económico importante, pero tamén significa unha calidade de vida espectacular".

Compartir: