NADAL

Un veciño de Mallou e a Asociación de Veciños Brañas de Andrés gañan o I Concurso de Beléns "Compostrela"

04/01/2012 O xurado do I Concurso de Beléns e do I Concurso de Ambientación Navideña deu a coñecer os gañadores de ambos certames. As concelleira de Comercio, Reyes Leis, e de Urbanismo, María Pardo, anunciaron os seus nomes nunha rolda de prensa tras a reunión do xurado, do que formou parte o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa.

O I Concurso de Beléns Compostrela tivo como gañador na categoría de particulares a Rogelio Pérez Sandá, veciño da rúa de Mallou. O segundo premio foi para Pablo e Carlota Seoane Ríos, da rúa Montero Ríos.

Tamén no certame de Beléns, pero na modalidade de institucións, os gañadores foron a Asociación de Veciños e o Centro Sociocultural "Brañas de Andrés". O nacemento clasificado en segundo lugar presentouno a Asociación de Veciños "Camiño de Santiago" de Bando. Neste capítulo houbo unha mención especial aos beléns do Casino de Santiago e do Centro Sociocultural das Fontiñas.

O I Concurso de Ambientación Navideña gañouno o Hostal dos Reis Católicos, mentres que segundo premio levouno A Quinta da Auga. Hotel Carrís tivo unha mención especial.

As concelleiras destacaron na súa comparecencia a calidade e orixinalidade dos beléns presentados, algúns dos cales esixiron moita laboriosidade. Ademais, expresaron o seu desexo de que esta primeira convocatoria sirva para dar publicidade aos dous concursos, para que aumente o número os colectivos e particulares que se presenten en vindeiras edicións.

Os premios serán entregados nunha cerimonia en Raxoi presidida polo alcalde, Xerardo Conde Roa. O galardón consistirá nunha figura especialmente deseñada para a ocasión co nome de Compostrela. Para os gañadores individuais tamén haberá un vale agasallo no Centro Comercial Compostela.

Compartir: