NADAL

Os Reis Magos chegarán a Compostela en tren e cargados de caramelos

04/01/2012 A carteira real deste ano, a concelleira María Pardo, anunciou a visita dos Reis Magos, que un ano máis chegarán a Santiago en tren. As Súas Maxestades realizarán a tradicional Cabalgata polas rúas de Compostela, repartirán case tres toneladas de caramelos sen glute e atenderán a todos os nenos e nenas.

Os Reis Magos chegarán ás 17:40 horas á estación do tren, onde serán recibidos pola carteira real e pola Banda Municipal. Ás 18:00 horas iniciarase a Cabalgata, que seguirá o percorrido habitual: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez, Praterías e praza do Obradoiro.

A Banda de Cornetas e Tambores de Santiago anunciará a chegada das carrozas. Ademais das dos propios Reis Magos, haberá unha carroza da estrela real de Oriente, outra da propia carteira real e outra de agasallos. Tamén desfilará un tren con nenos e nenas e tres escuadróns a cabalo e heraldos.

Á chegada ao Obradoiro, sobre as 19:45 horas, serán recibidos pola Corporación Municipal, encabezada polo alcalde, Xerardo Conde Roa. Os Reis Magos saudarán a todos os nenos e nenas dende os balcóns de Raxoi e logo recibiranos a todos. Mentres agardan a súa vez para falar coas Súas Maxestades, os rapaces poderán disfrutar dun espectáculo con pallasos. Antes tamén haberá unha sesión de pirotecnia.

Documentos relacionados



Compartir: