DÍA DA ÁRBORE E DA AUGA

Cento setenta rapaces participarán nunha plantación de árbores na Finca de Brandía

21/03/2006 Arredor de 170 nenos e nenas do CEIP Roxos-Villestro, da Escola Rural Feáns-Villestro e da Escola Rural Rial-Laraño serán os encargados de plantar 350 árbores de sete especies diferentes na Finca de Brandía, para conmemorar o Día da Árbore (21 de marzo) e da Auga (22 marzo).

As actividades comezarán a partir das 10.45 da mañá, hora na que chegarán os rapaces. De seguido distribuiranse os grupos e as tarefas para cada un deles. Un itinerario con actividades diversas, que inclúe un percorrido de interese botánico, unha sesión de contacontos, a plantación das árbores e unha visita ao xardín histórico de Brandía centrarán o acto.

Ás 12.00 terá lugar o acto institucional co alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, tras o cal repartiranse bocadillos e refrescos aos rapaces participantes.

Os escolares recibirán unha camiseta conmemorativa, ademais dunha guía coa descrición das características das árbores e do ciclo da auga. Rama sinalou que aqueles colexios que desexen plantar árbores nos seus centros poden solicitalo ao concello, de feito está a haber xa unha gran demanda de moitos colexios composteláns.

No acto, organizado polos departamentos de Parques e Xardíns e Educación e Mocidade plantaranse un total de 350 árbores das seguintes especies: érbedo, bidueiro, faia, acivro, aciñeira, xibarda e teixo. Todas elas axéitanse ao lugar do parque escollido para a súa plantación. Ademais, descubriranse unhas placas informativas referidas ás características das especies que poden contemplarse.

Tamén se porá en funcionamento unha fervenza artificial na ladeira do parque, aproveitando o estanque natural da finca.

Ao longo destes días o Concello distribuiu nos centros de ensino primario e secundario un folleto editado con motivo destas celebracións nos que se recollen as principais características dalgunhas especies arbóreas comúns en Galicia, así como información sobre o ciclo da auga.

Compartir: