BENESTAR SOCIAL

Pequenos e maiores compartiron experiencias e agasallos na Residencia da Terceira Idade Porta do Camiño

03/01/2012 A Residencia de Maiores Porta do Camiño acolleu unha entrañable actividade interxeracional, na que as nenas e os nenos do Campamento de Conciliación Urbanadal, do CEIP Apóstolo Santiago, conviviron, por unhas horas, cos usuarios e usuarias que se atopan residindo neste Centro.

A actividade, á que asistiu a Concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, está incluída dentro do programa de conciliación Urbanadal, que se leva a cabo dende o Programa Urbana Santiago Norte. Consistiu nunha xornada na que grandes y pequenos conviviron por unhas horas a través de diferentes actividades, nas que se destacou sobre todo a agarimosa convivencia que xurdiu entre os menores e os maiores.

Os nenos e nenas ofreceron aos usuarios da Residencia unha actuación con cancións compostas polos propios rapaces para esta ocasión e entregáronlles un agasallo feito por eles mesmos. Pola súa banda, os maiores agasallaron os rapaces cunha agarimosa postal do Nadal personalizada. Ademais, convidáronos a un almorzo do que os rapaces deron boa conta.

O obxectivo desta iniciativa era o de promover as relacións interxeracionais, coa finalidade de fomentar as relacións entre persoas de diferentes grupos de idade e de enriquecer os vínculos e o coñecemento mutuo, favorecendo igualmente unha sociedade para todas as idades.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: