CULTURA

"A fermosa muiñeira", de Franz Schubert, pecha o ciclo Todo Lírica

02/01/2012 O ciclo Todo Lírica, que se celebra dende o venres 23 de decembro, celebra o martes 3 o seu último concerto, A fermosa de muiñeira, de Franz Schubert, co actor galego Quico Cadaval xunto ao barítono madrileño Gabriel Bermúdez e o pianista bilbaíno Rubén Fernández Aguirre. Será a partir das 21:00 horas no Teatro Principal cando poidamos ver a dramatización deste ciclo de 20 cancións composto por Schubert en 1823 a partir de poemas do alemán Wilhelm Müller. As entradas poden adquirirse a 8 euros no servizo de venda de entradas de Novagalicia Banco e na billeteira do Teatro Principal.

O barítono madrileño Gabriel Bermúdez estudiou canto coa súa nai, Carmen Rodríguez Aragón, na Escola Superior de Canto de Madrid. Nos últimos anos está moi vencellado á prestixiosa compañía da Opernhaus de Zurcí, onde interpretou varios espectáculos. Actuou con directores como Harnoncourt, Santi, Gardiner, Welser-Möst, Christie, Minkowsky, Von Dohnányi e Philippe Jordan. Foi galardoado co Premio Teatro Campoamor "Cantante revelación" polo seu Orestes en Iphigénie en Tauride e vén de debutar, como solista, coa Orquesta e Coro Nacionales. É un dos cantantes españois de maior proxección internacional da súa xeración e próximamente debutará no Festival de Salzburgo.

Quico Cadaval é actor, director teatral, dramaturgo e contador de historias. Premiado recentemente co Premio de Cultura de Galicia na categoría de Artes Escénicas, realizará neste espectáculo o dobre papel de actor e dramatizados deste ciclo de cancións.

Rubén Fernández-Aguirre, pianista, nace en Barakaldo (Vizcaya) en 1974. Realiza os seus estudos superiores de piano en Vitoria con Albert Nieto e de correpetición en Viena con David Lutz e Múnic con Donald Sulzen. Pianista moi demandado para recitais por cantantes de renome como Carlos Álvarez, Ainhoa Arteta, Nancy- Fabiola Herrera, José Manuel Zapata, Elena de la Merced e María Bayo, entre outros, tamén actuou con Mariella Devia, Cristina Gallardo-Domâs, Leontina Vaduva, Isabel Rey, Mariola Cantarero, Manuela Custer, etc., e cos bailaríns Ángel Corella e Igor Yebra. Actúa na maioría de festivais e teatros españois, así como en importantes escenarios de Europa (Musikverein de Viena, Teatro de La Monnaie de Bruxelas, Festival Rossini de Pesaro, Slovenská Televízia de Bratislava), América (Carnegie Hall de Nova York, Auditorio Nacional del Sodre de Montevideo), Oriente Medio (Damasco) e África (Alxer).

Pode definirse coma o pianista residente do festival Todo Lírica de Santiago de Compostela. A súa traxectoria, tan rica, levouno no ano 2010 a recibir o premio Ópera Actual "pola súa dedicación á lírica e o crecente prestixio que está logrando neste campo".

Compartir: