XUNTA DE GOBERNO

O Concello reforza a atención a inmigrantes

02/01/2012 A titular de Benestar Social, Paula Prado, indicou en rolda de prensa que o seu departamento duplicou o persoal da Unidade de Atención a Migrantes (UAMI), de tal xeito que hoxe son dúas persoas as que atenden permanentemente o servizo. Neste sentido, afirmou, "ningún inmigrante queda nin quedará sen atender".

Paula Prado explicou que á letrada pertencente aos servizos sociais municipais se sumou outra técnica, que xa traballaba no Concello, pero que coa reorganización da Administración local se destinou á UAMI para reforzar este servizo. Ademais, lembrou que calquera inmigrante é atendido se o precisa polas diferentes traballadoras sociais de zona.

Sobre o convenio asinado coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia e que remataba o 31 de decembro 2011, a concelleira aclarou que este permitía contratar a maiores tres traballadoras: unha asesora xurídica, unha traballadora social e unha auxiliar administrativa. "Esperamos seguir contando en 2012 coa colaboración da Secretaría Xeral, pero o que non podemos é deixar o servizo sen atención", apuntou.

Lecer alternativo
Xa como voceira da Xunta de Goberno, a concelleira deu conta da concesión dunha subvención de 22.369 euros para o programa de prevención de drogodependencias Versión 2.0, que o Concello realizará entre xaneiro e setembro. Esta achega procede de fondos ministeriais derivados de bens comisados na loita contra o narcotráfico. A maiores, hai unha contribución municipal de 9.586 euros.

Segundo explicou Paula Prado, este programa pretende dar continuidade ao plan de ocio alternativo xa posto en marcha nos últimos meses de 2011. En concreto, recollerá a iniciativa Cultura Urbana e o programa de fútbol social levado a cabo pola Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD).

Álbums ilustrados
Na mesma sesión e a proposta do concelleiro de Educación, acordouse que o premio do V Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados sexa finalmente de 9.000 euros, fronte aos 12.000 das anteriores convocatorias. O Concello achega 8.000 euros e a Kalandraka Editora outros 1.000.

Letras Vivas
Polo procedemento de urxencia, deuse conta da solicitude da Concellería de Centros Socioculturais á Consellería de Cultura dunha subvención de 801 euros para o programa Letras Vivas.

Licenzas
Finalmente e a propósito das licenzas, a voceira da Xunta de Goberno falou da incidencia que está a ter a crise na solicitude de licenza, cuxo ritmo de solicitude ten baixado. Ademais, explicou, hai peticións de revogacións de licenzas xa concedidas, o que implica o reembolso da cantidade satisfeita anteriormente, o cal, dixo "é un imprevisto co que non se contaba".

Documentos relacionados



Compartir: