EDUCACIÓN

Nadalxogo ofrece un espazo de conciliación e lecer a 300 escolares composteláns

27/12/2011 Dende o 23 de decembro estase a desenvolver unha nova edición de Nadalxogo, que desta vez se celebra en tres centros educativos da cidade. As actividades continúan do 27 ao 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro.

O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e o concelleiro de Educación, Ángel Currás, compartiron uns momentos cos rapaces e rapazas que participan en Nadalxogo, neste caso no CEIP Pío XII. O taller do Club de Cans de Familia "Só lles falta falar" e un obradoiro de cociña eran algunhas das actividades previstas para a xornada.

Conde Roa amosou a súa satisfacción polo observado na visita e por un programa como Nadalxogo que realiza un "esforzo para que haxa unha verdadeira conciliación familiar e laboral". Neste mesmo logro incidiu Currás, que destacou o "éxito" da iniciativa e a súa grande acollida.

Ademais de no CEIP Pío XII, Nadalxogo celébrase no CEIP As Fontiñas e no CEIP Ramón Cabanillas. Nestes tres centros, 300 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, previamente matriculados, atopan un espazo deportivo, educativo e de lecer, mentres as familias dispoñen dunha alternativa de conciliación neste tempo de vacacións escolares.

Madrugadores, comedor e obradoiros
De 7:45 a 10:00 horas, os pais poden deixar os pequenos nestes centros grazas ao servizo de madrugadores. Logo, de 10:00 a 14:00 horas, desenvólvense os obradoiros e demais actividades. E se as familias o precisan, os rapaces poden facer uso dun servizo de comedor entre as 14:00 e as 15:30 horas.

Os rapaces participan en obradoiros de teatro e decoración de Nadal. Nos primeiros, os nenos realizan xogos de expresión corporal e dramatización e un dos grupos preparará unha pequena representación para unha gran gala final. No outro taller elabórase o decorado para a gala. E os máis pequenos realizarán un conta contos de Nadal.

Ademais, hai un obradoiro de manualidades e murais de Nadal, e xogos de grupo para fomentar o compañeirismo, o traballo en equipo, a cooperación ou o deporte. Nesta edición de Nadalxogo participa tamén o Club de Cans de Familia "Só lles falta falar", para que os escolares, mediante diversos talleres, aprendan a respectar os cans, a manexalos, a entendelos e a superar os seus medos. As saídas son outra das actividades do programa. Así, para o mércores 28 toca visita ao Casco Histórico.

Compartir: