XUNTA DE GOBERNO

O Obradoiro acollerá unha festa de fin de ano con uvas, orquestra e fogos de artificio

26/12/2011 O Goberno local deu o visto bo a un gasto de 16.000 euros para as celebracións de fin de ano. Seguindo con Nadal, procedeuse a contratarse as carrozas da Cabalgata de Reis, evento ao que se destinan, en total, 55.000 euros.

A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado destacou o aforro que se produce respecto do cambio de ano anterior, no que o gasto fora de 54.000 euros. Repartiranse bolsas con uvas a partir das 23:00 horas, haberá unha pequena sesión de fogos de artificio e, logo das badaladas, actuará unha orquestra. Todo isto na praza do Obradoiro.

As badaladas de fin de ano serán retransmitidas pola Radio Galega e pola Televisión de Galicia, que tamén colabora coa iluminación da Torre da Berenguela.

Cabalgata de Reis
Tamén se aprobou un gasto total de 55.000 euros para a Cabalgata de Reis, 7.600 euros menos que no ano anterior, indicou Paula Prado. Neste gasto está comprendida a contratación de carrozas e trono real para a devandita cabalgata, por un total de 17.700 euros. Inclúese aquí unha carroza de temática infantil, outra que representa a estrela de Belén e un decorado-trono recepción da Carteiro Real que se instalará no Pazo de Raxoi dende o 4 de xaneiro para atender as peticións dos nenos e que o día 5 de xaneiro fará de trono para a recepción dos Reis Magos.

A concelleira anunciou que este ano, antes da Cabalgata, os Reis Magos visitarán os nenos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). As Súas Maxestades volverán chegar en tren á súa cita cos nenos composteláns.

Compartir: