CULTURA

Canción e arias de ópera en "Novas voces galegas", o segundo concerto de Todo Lírica

23/12/2011 Co Nadal chegou de novo Todo Lírica, un ecléctico ciclo de concertos creado no 2001 co nome de Festival de Zarzuela de Santiago, que segue habitualmente o formato de recitais de voz e piano, e que cada ano vén ampliando os seus contidos a outros xéneros musicais. O ciclo, que se celebra ata o 3 de xaneiro con catro concertos continúa o luns 26 co concerto "Novas voces galegas" no que a soprano Gloria Amil estará acompañada ao piano por Julio Alexis Muñoz.

O concerto celebrarase no Teatro Principal a partir das 21:00 horas, cando a soprano ferrolá cantará un variado programa que inclúe cancións de Granados, Turina, Schubert e Strauss e arias de ópera de Donizetti (La fille du régiment), Massenet (Manon) e Bernstein (Candide) secundada ao piano polo canario Julio Alexis Muñoz.

Gloria Amil naceu en Ferrol e aos oito anos comezou a súa formación musical no Conservatorio da Coruña. Encamíñase cara ao canto e estuda con dúas grandes mestras do canto: Inés Rivadeneira e Isabel Penagos. Tras ofrecer numerosos concertos como solista, en 2004 recibe o premio ao mellor intérprete de zarzuela no premio do Concurso Internacional de Canto Cidade de Logroño, inaugurando ao ano seguinte o Ciclo Nacional de Música desa cidade. Cantante versátil que compaxina as aparicións operísticas cos recitais cantou, entre outros, no Teatro Campoamor de Oviedo, Festival de Ópera da Coruña, Teatro Real, Festival de Ópera de Tenerife, Teatro Arriaga de Bilbao e Teatro da Maestranza de Sevilla.

Julio Alexis Muñoz, pianista, estuda nos conservatorios de Las Palmas e de Madrid. Desenvolve unha intensa actividade de concertos como intérprete de música de cámara e é colaborador habitual de primeiras figuras da lírica e da nova xeración de cantantes, como Ismael Jordi, Mª José Moreno, José Julián Frontal, Teresa Berganza, Yolanda Auyanet, Nancy Fabiola Herrera, etc. Foi profesor de piano no Conservatorio da Comunidade de Madrid, e está vencellado a Santiago pola súa colaboración nos Cursos Internacionais Música en Compostela. Desde 1991 é profesor de repertorio vocal na Escola Superior de Canto de Madrid.

Programa completo de Todo Lírica
Os concertos de Todo Lírica continuarán o 29 de decembro cun trío de artistas vascos, a soprano Ainhoa Zuazua, a mezzosoprano Marifé Nogales e o pianista Rubén Fernández; para rematar o 3 de xaneiro con A fermosa de muiñeira, de Franz Schubert, co actor galego Quico Cadaval xunto ao barítono madrileño Gabriel Bermúdez e, de novo, o pianista bilbaíno Rubén Fernández Aguirre.

As entradas para cada concerto poden adquirirse a 8 euros no servizo de venda de entradas de Novagalicia Banco e na billeteira do Teatro Principal. E tamén está dispoñible un abono de 25 euros para os catro concertos.

Compartir: