CULTURA

Unha orixinal proposta de Nadal en clave de jazz con Ximo Tebar&IVAM Jazz Ensemble

22/12/2011 Co Nadal chega de novo Todo Lírica, un ecléctico ciclo de concertos creado no 2001 co nome de Festival de Zarzuela de Santiago, que segue habitualmente o formato de recitais de voz e piano, e que cada ano vén ampliando os seus contidos a outros xéneros musicais. O ciclo, que se celebra ata o 3 de xaneiro con catro concertos comeza o venres 23 cunha orixinal celebración de Nadal na que Ximo Tebar e IVAM Jazz Ensemble nos presentan "Nadal de jazz arredor do mundo" ás 21:00 horas no Teatro Principal. No concerto poderemos escoitar as versión particulares de clásicos de Nadal como "Noite de paz", "White Christmas", "Santa Claus is coming to town" ou "Sleigh Ride".

Todo Lírica amplía cada ano os seus contidos e xéneros. Precisamente, unha das grandes novidades desta edición 2011 chega neste concerto inaugural que protagoniza Miles Griffith, reputado e innovador cantante de jazz neoiorquino, acompañado no escenario polo IVAM Jazz Ensemble, a agrupación residente do Museo de Arte Moderno de Valencia que dirixe o guitarrista e compositor Ximo Tebar e que chega a Santiago en forma de cuarteto formado polo propio Ximo Tebar na guitarra, o pianista Ricardo Belda e dous músicos norteamericanos, o contrabaixista Darryl Hall e o batería Donald Edwards. Miles Griffith debuta en Galicia con este especial concerto de jazz dedicado á música de Nadal.

Ximo Tebar, guitarrista, compositor e produtor, está considerado un dos músicos españois de jazz con maior proxección na actualidade. Actuou en relevantes auditorios como o Apollo Theater de Nova York, o Jazz at Lincoln Center e nos máis prestixiosos clubs de jazz e festivais do mundo, como San Sebastián Jazzaldia, Vitoria- Gasteiz, San Petersburgo, Moscow Jazz Festival, Montreux, North Sea, Birdland, etc. A súa música foi avalada por grandes mestres do jazz como Benny Golson, Lou Bennett, Johnny Griffinn ou George Benson, así como polos numerosos premios e as excelentes críticas que recibiu, que o situaron nun lugar destacado dentro do jazz actual, tendo máis dunha ducia de discos como líder de bandas de jazz.

"O cantante Miles Griffith é un músico extraordinario. A súa voz e a súa creatividade asegúranlle formar parte da historia do blues e do jazz do século XXI" (Wynton Marsalis). As raíces musicais de Miles Griffith emanan das igrexas batista, metodista, pentecostés e yoruba, todas elas moi arraigadas no acervo cultural de Nova York.

O IVAM Jazz Ensemble, residente no Museo de Arte Moderno de Valencia e dirixido por Ximo Tebar, destaca como proxecto musical innovador, que experimenta cos mellores músicos do mundo na vangarda do jazz e a música moderna de forma continuada como parte integrada das actividades paralelas do IVAM. Amplíase desta forma a oferta cultural do museo e ábrese a outras disciplinas como a música de jazz de vangarda.

Programa completo de Todo Lírica
Os concertos de Todo Lírica continuarán o 26 de decembro con "Novas voces galegas", onde escoitaremos a Gloria Amil secundada ao piano polo canario Julio Alexis Muñoz; o 29 de decembro cun trío de artistas vascos, a soprano Ainhoa Zuazua, a mezzosoprano Marifé Nogales e o pianista Rubén Fernández; para rematar o 3 de xaneiro con A fermosa de muiñeira, de Franz Schubert, co actor galego Quico Cadaval xunto ao barítono madrileño Gabriel Bermúdez e, de novo, o pianista bilbaíno Rubén Fernández Aguirre.

As entradas para cada concerto poden adquirirse a 8 euros no servizo de venda de entradas de Novagalicia Banco e na billeteira do Teatro Principal. E tamén está dispoñible un abono de 25 euros para os catro concertos.

Compartir: