COMERCIO

O comercio de Santiago celebra as súas Noites Abertas con premios e sorteos

22/12/2011 A concellería de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou as Noites Abertas do comercio compostelán, que se integran dentro do programa municipal de actividades para Nadal e que contan coa colaboración das asociacións comercias da cidade, Acotés, Compostela Monumental e Santiago Centro.

As Noites Abertas celebraranse os días 23 e 30 de decembro e o 4 de xaneiro. Nestas datas, 90 tendas dos máis diversos ramos –moda, xoiería, óptica, artesanía, xoguetes e máis- abrirán as súas portas ata as doce da noite para ampliar o horario comercial habitual e facilitar as compras de última hora no pequeno comercio compostelán. A concelleira agradeceu aos comerciantes e os seus representantes "o esforzo que suman a esta iniciativa municipal".

Os cidadáns que gocen das vantaxes comerciais das Noites Abertas e fagan algunha compra nalgunha das tendas participantes, entrarán nun concurso con importantes premios: unha viaxe a Eurodisney para catro persoas de xoves a domingo, tres fins de semana de relax para dúas persoas en Torre do Deza Hotel & Spa, tres ceas para dúas persoas nos restaurantes Caney, Porta Faxeira e Mercadito e 10 cheques agasallo de 50 euros nas tendas do evento.

As bases do sorteo están dispoñibles na web www.maiscompostela.org. Nela pode visitarse tamén o escaparate virtual das tendas inscritas, no que se detallan os agasallos ou promocións que ofrecerán esa noite: descontos, promocións, invitacións a viño ou cava e máis.

Dende o Concello distribuiranse 15.000 boletos entre as tendas participantes, e o sorteo terá lugar ante notario o 13 de decembro na pista de xeo da praza da Quintana. Nas datas seguintes a lista de gañadores aparecerá publicada en El Correo Gallego e máis na web da Concellaría, e haberá un prazo de 15 días para retirar os premios.

Direcciones relacionadas



Compartir: