TRÁFICO

O Concello terá acceso ao rexistro de condutores da Dirección Xeral de Tráfico

22/12/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asinou un convenio co xefe provincial de tráfico, Pedro Pastor, coa presenza tamén do Asiste o concelleiro de Tráfico, Albino Vázquez. Este convenio fixa o marco básico de colaboración entre o Concello e a Dirección Xeral de Tráfico e permitirá a posta en marcha sucesiva de diversas iniciativas mediante engadidos ao propio acordo. Unha das consecuencias inmediatas será a posibilidade do acceso municipal ao rexistro de condutores da DXT.

Este convenio vén substituír aos que antes se asinaban para cada acción específica, facendo máis doada a tramitación. Entre outros aspectos, permitirá mellorar o intercambio de información entre a DXT e o Concello. Un exemplo será o acceso municipal aos rexistros de condutores, de tal forma que se poderá exercer un maior control respecto ao imposto de circulación e doutros aspectos relacionados co tráfico, segundo apuntou o alcalde.

Respecto á fluidez no intercambio de información, Pedro Pastor referiuse á importancia de que a esta información chegue ao interesado, especialmente no caso das sancións. Así, falou do "erro" no que caen moitos condutores ao crer que se non se notifica o expediente péchase, cando a consecuencia é que logo a sanción se executa a través de Facenda e por una maior cantidade. Ademais, insistiu, "pérdese a posibilidade de defensa".

Reunión cos tratantes de gando
Tras a comparecencia para explicar o convenio, o alcalde tamén aludiu á reunión mantida cos tratantes de gando sobre o futuro do mercado de Amio. "Quedamos en seguir traballando conxuntamente para atopar unha solución ao problema" e analizar "todas as posibilidades", indicou Conde Roa, quen anunciou novas reunións para o mes de xaneiro.

Incidentes na noite do mércores
A preguntas dos xornalistas sobre incidente na última noite de movida nocturna antes das vacacións, o alcalde indicou que se tiñan detectado algúns problemas por festas en pisos. Respecto a outro tipo de accións sobre o mobiliario ou nas rúas, Conde Roa reiterou que "o vandalismo non ten cabida en Santiago".

Apostou por "incrementar a vixilancia nas rúas, pero non só dende o punto de vista da presenza policial, senón tamén electrónica" nas zonas "quentes" da cidade. En especial, amosou a súa preocupación polas "pintadas en edificios históricos", convencido de que, para estes actos, "as sancións deben ser maiores das que teñen nestes momentos".

Compartir: