EDUCACIÓN

Un concerto clausurou o Curso de Música de Cámara da Escola Municipal de Música

20/12/2011 Celebrouse no Casino de Santiago o concerto de clausura do I Curso de Formación en Música de Cámara, organizado pola Escola Municipal de Música e impartido pola profesora Irina Gruia, violinista da Real Filharmonía de Galicia. No curso participaron 11 estudantes da Escola, agrupados en tres tríos e un dúo de música de cámara.

O concelleiro de Educación, Angel Currás, tivo ocasión de presenciar o resultado do traballo dos novos músicos e comprobar os avances que para a súa formación representaron estas cinco semanas de traballo musical intensivo dirixido por unha experimentada violinista da Real Filharmonía, cunha grande experiencia en educación musical, a profesora Irina Gruia. A experiencia resultou moi satisfactoria e as familias expresaron o seu interese por contar con formación especializada para os seus fillos e fillas.
Ao concerto, que encheu o espazo do Casino de Santiago, asistiu unha nutrida representación das familias dos mozos e mozas que participaron no curso, profesorado da EMM e músicos de diferentes institucións musicais de Compostela, entre eles da Real Filharmonía de Galicia. O concelleiro de Educación e o equipo directivo da EMM agradecéronlle ao xerente do Café Casino de Santiago a colaboración e receptividade que, tanto el como o persoal de atención en sala, prestan ao longo das diferentes actuacións que a EMM e o Departamento de Educación realizan ao longo do ano.
Angel Currás reiterou o interese por manter e incrementar as actuacións musicais do alumnado da EMM en diferentes espazos e institucións da cidade, consciente da importancia que para a promoción da música e a formación dos novos intérpretes, representa este tipo de actos. Neste senso, adiantou que nos próximos meses o traballo do Departamento de Educación e a EMM estenderá novas accións arredor da música nos centros de ensino da cidade, con especial incidencia na rede de escolas infantís de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: