PLENO

O Goberno local cifra en 1,8 millóns de euros o aforro en asesores, dedicacións exclusivas e postos directivos en toda a lexislatura

21/12/2011 Nunha sesión extraordinaria e urxente, o Pleno da Corporación aprobou inicialmente, cos votos favorables do grupo de Goberno e os negativos dos grupos da oposición, o Regulamento orgánico e de administración do Concello de Santiago, así como a modificación da plantilla do persoal municipal.

A concelleira de Persoal, Amelia González, explicou que a existencia do Regulamento orgánico e de administración é unha esixencia, dende 2004, da Lei de Grandes Cidades. En estreita relación con esta norma, indicou que a modificación do cadro de persoal vén a paliar a irregularidade que supoñía a falta de dotación orzamentaria para as direccións de área e para determinadas prazas vacantes do devandito cadro. Neste sentido, recordou que as direccións de área son figuras reservadas para eses municipios acollidos á Lei de Grandes Cidades.

Tal como apuntara tamén a edil tras a Xunta de Goberno que aprobara a modificación do cadro de persoal, as seis direccións de área contempladas para o Concello de Santiago terían un custo estimado de 431.000 euros. Coa modificación do cadro de persoal regularízanse as direccións de área de Facenda e de Mobilidade. Esta última queda establecida como un cargo directivo, e non como persoal funcionario, tal como se reflectía ata agora.

En canto ao mantemento de prazas vacantes no cadro de persoal sen crédito orzamentario, indicou que dotación necesaria para estas prazas sería de máis de 2,6 millóns de euros. Afirmou que as prazas se irán cubrindo a medida que exista dispoñibilidade orzamentaria. Para comezar, establécense tres figuras de habilitados estatais de apoio: tesoureiro, interventor e secretario.

Aforro de 1,8 millóns de euros
O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, pechou o debate sobre esta cuestión e enmarcou estas medidas na necesidade de por fin a unha situación irregular e enmarcounas no contexto de aforro establecido polo Goberno municipal e en "non gastar máis do que ingresamos".

Así, apuntou que o custo das novas prazas vai ser inferior ao aforro que se producirá en toda a lexislatura pola redución de asesores e dedicacións exclusivas xa decretada. Así, as cinco prazas de asesores e tres de dedicacións exclusivas minoradas, sumadas a praza de director da área de seguridade modificada, suporán un aforro estimado en toda a lexislatura, de 1.886.975 euros, segundo indica a concelleira de Persoal.

Compartir: