TURISMO

Turismo de Santiago presenta a súa nova aplicación da cidade apta para dispositivos móbiles Apple e Android

20/12/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou a nova aplicación para dispositivos móbiles de Turismo de Santiago, na que se condensa toda a información de interese turístico da cidade, incluído un innovador sistema de xeolocalización, que permite aos usuarios orientarse pola cidade e situar os recursos turísticos, como hoteis, restaurantes e monumentos.

Esta nova aplicación, desenvolvida pola empresa Sinaptika, constitúe un importante paso adiante respecto da aplicación anterior, que se presentou en abril deste ano. Entre abril e decembro a aplicación tivo máis de 2.500 descargas, procedentes dunha ampla variedade de países, grazas a que está dispoñible nos sete idiomas nos que tamén está a web oficial de Turismo de Santiago: galego, castelán, inglés, francés, alemán, italiano e portugués. É unha cifra considerable, tendo en conta que ata agora só estivo limitado a dispositivos de Apple.

A nova aplicación, aínda que conserva a mesma base tanto en deseño como en contidos, ten agora versións tanto para os dispositivos de Apple como para os que empregan Android, de tal xeito que "agora ampliamos substancialmente o número de usuarios potenciais", indicou Reyes Leis, así como a presenza da cidade neste novo espazo tecnolóxico para a información e a promoción turística.

Novas audioguías e acceso ás reservas
A aplicación incorpora ademais 23 audioguías dispoñibles en seis idiomas, que se descargan individualmente e conteñen información turística de múltiples puntos e recursos turísticos da cidade. Desta maneira as persoas que visitan a cidade poden deseñar con elas as súas propias rutas. A aplicación é gratuíta, pero cada audioguía ten un custo de 0,79 céntimos de euro.

Ademais, como terceira novidade importante, a concelleira indicou que na aplicación hai enlaces directos á Central de Reservas de Turismo de Santiago. Isto permite aos turistas, estando aínda no seu punto orixe ou xa chegados á cidade, consultar a dispoñibilidade de diferentes hoteis e reservar directamente as súas habitacións.

As páxinas onde se pode descargar a aplicación son:

Apple: http://itunes.apple.com/es/app/turismo-santiago-compostela/id477726045?mt=8

Android: https://market.android.com/details?id=com.santiagoturismo.app

Documentos relacionados



Compartir: